Rueda recoñece que houbo medios de extinción parados nos lumes por falta de persoal

Alfonso Rueda na reunión do Consello da Xunta, onte en Ourense. (Foto: Ana Varela)

Ourense acolleu onte o Consello da Xunta extraordinario convocado para tratar a problemática dos incendios. Alfonso Rueda, tras afirmar que a superficie queimada supera as 96.000 hectáreas –fronte ás 143.673 cifradas tamén onte polo satélite da UE–, defendeu o operativo e a xestión do seu Executivo

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou onte na comparecencia pública posterior ao Consello do Goberno galego, que o seu Executivo mantivo medios de extinción parados durante a recente vaga de lumes. Así, a preguntas da prensa sobre esta cuestión, argumentou que "se  houbo algún medio parado nalgún momento é porque o persoal non pode estar 24 horas” e insistiu en que "non houbo outras motobombas paradas máis que as que se derivan do descanso do persoal". Precisamente, esta realidade, denunciada en Nós Diario polos sindicatos e persoal do servizo de extinción de incendios, fora negada con anterioridade polas autoridades galegas.

As declaracións do presidente galego confirman a falta de persoal nos servizos de extinción advertida estas semanas polos sindicatos con representación entre os bombeiros forestais. A este respecto, aínda na terza feira, CCOO, CSIF e UXT denunciaron que o Goberno galego tiña sen cubrir 200 prazas no Servizo de Prevención e Defensa  contra  Incendios  Forestais (SPIF). Na mesma dirección, a propia Consellaría de Medio Rural recoñeceu o 15 de agosto a falta de medios humanos no SPIF, ao abrir un procedemento para a cobertura urxente de 198 prazas de persoal de extinción de incendios que a Xunta mantiña vacantes.

Rueda sinalou que o dispositivo contra o lume da Xunta da Galiza estivo formado por 3.000 profesionais. Neste caso, o xefe do Executivo galego emendouse a si mesmo, tras afirmar o pasado 25 de maio no Parlamento da Galiza na presentación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga) que o servizo contraincendios do Goberno galego contaría con máis de 7.000 persoas. Porén, as cifras achegadas onte polo mandatario galego contradín a relación de postos de traballo da Xunta da Galiza, que estabelece que o servizo de extinción está formado por 458 axentes ambientais e 2.430 bombeiros, 1.434 funcionarios e 996 laborais.

O presidente da Xunta xustificou que o Goberno galego non resolvera a esta altura do ano dúas liñas de axudas financiadas por fondos comunitarios por unha contía de 8,3 millóns de euros destinadas nos Orzamentos de 2025 á prevención dos incendios forestais, convocadas, respectivamente, o 8 de novembro e o 30 de decembro de 2024. Neste sentido, argumentou que "é executábel en dous" anos, "estamos en execución neste ano e acabaremos parte desta partida executándoa en 2026. Isto é o que hai, e dicir que non se fixo prevención ou que a culpa do acontecido foi desa partida non responde á verdade".

A non resolución destas axudas foi criticada polo BNG, o PSdeG e a Organización Galega de Comunidades de Montes. Porén, non se trata dun caso illado, de feito na terza feira Nós Diario recollía que a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), da que é titular única a Xunta da Galiza, tiña sen adxudicar os traballos referidos a 2025 de xestión de biomasa e limpeza de faixas secundarias de protección dos núcleos de poboación de alto risco de incendios das provincias da Coruña, Lugo e Ourense. As actuacións, dotadas de 2,2 millóns de euros, foron sacadas a contratación o pasado 20 de xuño.

Axudas a persoas afectadas

O Consello da Xunta aprobou a totalidade das axudas que o Goberno galego destinará a paliar os efectos dos lumes. As mesmas, serán compatíbeis con aquelas que convoque o Executivo do Estado como consecuencia da declaración de 44 concellos do país como zona afectada gravemente por emerxencias de protección civil, e non están dotadas dunha contía final a falta de coñecer a totalidade dos danos. A este respecto, Rueda cifrou onte en 144 o número de vivendas queimadas (oito residencias habituais, 42 segundas vivendas e o resto como abandonadas), se ben sinalou que esta cifra aumentará nas próximas semanas. Precisamente, fontes da Xunta apuntaron antonte a Nós Diario, que a cifra de casas queimadas chegaba ás 200.

A Xunta só subvenciona o arranxo de 50 vivendas, xa que "quedan fóra destas achegas aquelas casas que estivesen abandonadas no momento de producírense os lumes". Así, o Goberno galego destina até un máximo de 132.000 euros para as obras de reconstrución ou rehabilitación das residencias habituais e un máximo de 66.000 euros para aquelas que teñan a consideración de segunda vivenda. Neste sentido, existen discrepancias entre o Goberno galego e os Concellos sobre o número de casas afectadas polo lume, chegando no caso de Leira, Vilamartín (Valdeorras) a cifrar o Goberno local as vivendas queimadas en 120 e rebaixalas a Xunta a 60.

Hectáreas queimadas

Copernicus, o programa da Unión Europea de observación e monitorización da Terra, estimou onte a superficie queimada en agosto na Galiza en 143.673 hectáreas. Porén, Rueda reduciunas onte a 96.500.

O Executivo galego favorece a caza na súa orde de axudas

Alfonso Rueda puxo fin ao Consello da Xunta coa comparecencia ante os medios, sen o chaleco amarelo que portou nas últimas semanas e sen a barba que se deixou durante a crise. O resultado do Consello  ficou moi por baixo das expectativas xeradas desde o Goberno galego, con menos liñas de axuda das previstas inicialmente e dunha contía moi inferior .a agardada polas persoas e sectores económicos afectados polos incendios.

O Executivo aprobou nove ordes de axudas para apoiar sectores económicos afectados directamente polos lumes. Oito están destinadas a financiar danos xerados polos incendios na actividade agrogandeira e forestal e unha a apoiar centros produción e negocios. Neste sentido, fíxanse subvencións de até 15.000 euros por persoa para a alimentación de animais, 12.700 euros por hectárea para os produtores de viño e até 1.600 euros por bovino morto maior ou igual de 18 meses. A caza é unha das grandes beneficiadas das axudas aprobadas onte.

Estabelécese unha convocatoria específica para os Tecor, que cubrirá  "gastos de sementeira de cereais (de até 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros), que serven de alimento á fauna silvestre e contribúen a restaurar tanto os hábitats cinexéticos".