Rueda reafirma a súa aposta por privatizar "a xestión do día a día" da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto á presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borras, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, entre outras autoridades, nun xantar con empresarios en Vigo. (Foto: Europa Press)

O presidente do Executivo galego cre que vai "en beneficio de todos" porque se gaña en eficiencia, aínda que matiza que debe haber "un control adecuado"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reafirmou esta cuarta feira a súa aposta por "dar entrada á participación privada na xestión do día a día" da administración, para gañar en eficiencia, aínda que matizou que debe facerse con "un control adecuado".

Así o trasladou durante a súa intervención no xantar coloquio Capacita Directivos organizado en Vigo e ante decenas de directivos de empresas e entidades empresariais.

Segundo explicou, hai cousas "intocábeis" que, polo ben xeral, teñen que ter carácter público, pero advertiu de que "a sacralización do público, dicir que todo ten que ser público é un disparate".

Respecto diso, fixo alusión á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulou parcialmente o decreto polo que se regularon as Entidades de Colaboración Ambiental (ECA) e polo se creou o rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Galiza e o banco de persoas expertas en avaliación ambiental, ao entender que supón unha privatización parcial dos procedementos de avaliación ambiental.

Rueda confirmou que a Xunta recorrerá a resolución aínda que "non é nada sinxelo", e proclamou que segue apostando, "salvagardando o sacrosanto do público", por dar entrada a entidades privadas nese tipo de trámites. "Vai en beneficio de todos. Se hai o control adecuado, non hai problema, non ten por que funcionar peor, non ten que ser un desastre", apostilou, e puxo o exemplo da Cámara Municipal do Porto (Portugal) que ten "externalizada" a tramitación de permisos e logrou axilizar a implantación de empresas.

Por outra banda, referiuse tamén ás "críticas iracundas e desapiadadas" contra a Xunta por autorizacións concedidas "previo informe dos técnicos" —en relación coa DIA favorábel emitida para a macrocelulosa que Altri proxecta na Ulloa—, e puxo en valor o traballo do funcionariado, "que empeñan coa súa firma o seu futuro". "Por iso é tan inxusto pór en dúbida a diario o que fan os técnicos públicos, moitas veces co apoio do sector privado", engadiu.

"Absentismo"

Rueda, que na súa intervención fixo un paralelismo entre o funcionamento das empresas e o da administración, referiuse tamén ao problema do "absentismo", en relación ao persoal que se atopa en situación de IT, que tamén afecta as estruturas da Xunta e por iso o goberno galego é "o primeiro interesado en solucionalo". "Temos moitos postos que non poden estar vacantes (...), unha baixa supón unha cobertura inmediata", sinalou, e lembrou que a administración traballa para impulsar "medidas valentes", aínda que serán "criticadas", para reducir o que insiste en chamar absentismo.

Por outra banda, referiuse a outros retos das empresas, que a Xunta comparte, como a necesidade de planificación. Neste ámbito, aludiu á importancia de contar con orzamentos en tempo e forma. "Faime moita graza escoitar iso de que dá igual ter orzamentos que non telos", ironizou.

Igualmente, referiuse á importancia da conciliación e á necesidade de "dar unha volta" á formación, porque os sistemas e recursos tradicionais non son aplicábeis ao mercado de traballo actual. Nese sentido, puxo en valor o impulso da Xunta ás microformacións, aínda que lamentou que as actuacións están "moi condicionadas" polas políticas estatais.