Rueda pide manter "un par de días" a UME e medios para a recuperación
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou esta sexta feira desde que a loita contra os incendios forestais "segue evolucionando de maneira positiva". E a pesar de que na quinta feira Rueda falara xa dun “plan de desescalada”, esta sexta feira, nunha visita a unha das adegas afectadas da Denominación de Orixe Monterrei, puntualizou que ve necesario “manter os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para que a boa evolución non se torza”.
A Xunta dirixiuse ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para, "entendendo que se ten que producir unha desescalada da UME", pedir "aguantar un par de días máis", para “ter os medios aquí e poder reaccionar” se volve empeorar unha situación que, porén, xa leva dúas semanas fóra de control.
Tamén pediu "que o Exército bote unha man" durante estes días nos labores de recuperación dos terreos afectados, “diante das peticións de concellos”, para “poder ter así máis medios”.
Rueda sinalou que a previsión que manexa o Goberno galego é que nas próximas horas “algún” dos cinco incendios que continúan activos no sueste do país “poida darse por estabilizado”. Para iso, dixo, é preciso “non baixar a garda” diante da suba das temperaturas prevista para esta fin de semana e co país en estado de prealerta de seca, o que levou a Consellaría de Medio Ambiente a pedir un "uso prudente" da auga.
"Avaliación de danos"
A respecto da situación global, Rueda indicou que “seguimos en proceso de avaliación dos danos” e anunciou as prometidas axudas para as persoas afectadas para a vindeira semana.
Para iso a Xunta prevé organizar en Ourense un Consello de goberno extraordinario. Avanzou axudas directas "cuantiosas" e tamén investimentos para a "prevención e mellora" ante as causas e as consecuencias dos incendios que cada verán asolan o país.