Rueda lanza a campaña das municipais en Ponteareas situando ao BNG como principal adversario
A longa precampaña do PP de cara as eleccións locais de 2027 parou na maña deste domingo 2 de novembro en Ponteareas, na comarca do Condado. Alí, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, lanzou a alternativa de Nava Castro á Alcaldía, situando ao BNG como principal adversario.
Alfonso Rueda centrou a súa intervención en cargar contra os nacionalistas. Neste sentido, presentou ao PP como "unha familia forte" que vai seguir sendo un exemplo e "non se vai amedrentar" fronte aos que "fan manifestacións e din que hai que tensionar a rúa e crear conflito, pero non gobernar".
"Os que din sempre que non'"
"Os que din sempre que 'non', os da algarada, os que pensan que meternos medo é unha ferramenta que nos vai botar para atrás", afirmou o mandatario galego en relación co nacionalismo, "teñen que saber que iso non é posíbel".
"En Ponteareas", continuou o mandatario galego no seu discurso diante da afiliación do PP, "sabedes moi ben do que falo: durante anos tivestes que sufrir o sectarismo, o pensar que o importante era a ideoloxía e o de menos era xestionar".
A liña argumental de Rueda foi seguida pola secretaria xeral do partido na Galiza, Paula Castro. A dirixente popular referiuse ás protestas desenvolvidas na localidade nas últimas semanas polo persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, que levan máis dun mes en folga en defensa de melloras laborais.
A "película de terror" de Paula Castro
Prado acusou ao BNG de producir "a súa propia película de terror", con actuacións, "como os ataques violentos que en Ponteareas coñecen ben", en referencias as mobilizacións dos traballadores e traballadoras do SAF convocadas pola CIG.
"Todo lles vale porque a súa estratexia é a conflitividade social, a manifestación e o alboroto", asegurou Prado en relación co BNG, a quen acusou de intervir "instrumentalizando as reivindicacións da cidadanía ou directamente insultando a quen non pensa como eles".