Rueda, malia os recortes na Sanidade, di ante a folga na Atención Primaria: "Hai comunidades que están peor"
O BNG pediu ao presidente na sesión de control no Parlamento a “non por en risco a saúde dos galegos”.
A convocatoria da folga na Atención Primaria centrou esta cuarta feira a sesión de control ao presidente do Parlamento galego. O titular do Executivo, Alfonso Rueda, acusou o BNG de buscar "o alboroto" na sanidade e, fronte ás críticas da oposición, dos principais sindicatos e de colectivos de usuarios e usuarias pola "precarización" do servizo, argumentou que noutras comunidades "están peor".
O rexeitamento frontal que obtivo o novo plan da Consellaría de Sanidade para a Atención Primaria, coa folga a partir do día 26 como principal resposta do persoal do servizo, está a obrigar o Goberno galego a manobrar para intentar desactivar o malestar de profesionais e persoas usuarias da sanidade pública. O conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, con chamadas diarias, quer á "xenerosidade" quer á "responsabilidade" do persoal para que non haxa folga. E o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelando a que —malia o aumento dos días de espera para ser atendido por un médico de familia ou a precarización do servizo— hai comunidades do Estado "que están peor".
A teor do último estudo sobre a Primaria da Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp), e con datos de 2023, o investimento da Xunta no servizo foi de 12% do gasto sanitario, dous puntos por baixo da media estatal, a segunda comunidade que menos investiu. Esta cuarta, na sesión de control ao presidente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou Rueda a aumentar a 25% do investimento sanitario o que se destina a Primaria. Pontón asegurou que Rueda conseguiu "algo moi difícil" como é "pór a todos de acordo en contra da súa política sanitaria" e cos sindicatos e colexios oficiais apoiando a folga do día 26.
Así as cousas, preguntoulle "como vai a chamar aos convocantes". "Alborotadores, kale borrokas, axitadores todos manipulados polo BNG?", ironizou Pontón, quen asegurou que os profesionais da sanidade convocan unha folga porque "están fartos da precariedade e dos malos tratos" que lles dá a Xunta. "E cal é a resposta que dá o Partido Popular máis ultra da historia? Criminalizar as mobilizacións, insultar e difundir bulos por terra, por mar e por aire", afirmou Pontón, quen acusou o PP galego de "inventar unha nova forma de goberno", o "bulogoberno", con Rueda como "bulopresidente".
O presidente da Xunta respondeu asegurando que "vaia desgusto vai levar o BNG como non haxa folga" e se se chega a un acordo. "Porque vostedes traballan para que iso non sexa así", dixo.
"Negacionismo"
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afeou a "compracencia" do Partido Popular coa ultradereita e acusou o presidente galego de alimentar o "negacionismo". Besteiro preguntoulle se lle "preocupa" ou lle "ilusiona" o "negacionismo" en asuntos como as persoas menores migrantes, as vítimas do franquismo, a ciencia, o cambio climático ou a violencia machista.
O presidente da Xunta criticou que Besteiro faga preguntas "ao chou para non ter que falar da actualidade" tras as últimas noticias coñecidas sobre o que foi secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, e a presunta cobranza de comisións irregulares.