Rueda di que o fogo arrasou “unha importante superficie” da Galiza

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, onte. (Foto: Xunta da galiza)
A Xunta reclama a xestión de 40 aeródromos.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recoñeceu esta sgeunda feira a preguntas da prensa que no que vai de campaña os incendios rexistrados no país levan queimado xa “unha superficie importante”. Na rolda de prensa posterior ao último Consello da Xunta antes da parada da actividade do goberno de agosto,

Rueda non quixo responder ás críticas da oposición pola proliferación do lume en distintos puntos de todo o país, e limitouse a dicir que “xa chegará o momento de facer balance” ao remate da tempada, un balance que dixo agarda que sexa “razoábel”. O presidente da Xunta atribuíu a proliferación de incendios das últimas semanas “ao momento e as circunstancias climatolóxicas”.

Máis de 2.000 hectáreas

Os incendios forestais máis significativos rexistrados nos que vai de verán e dos que informou a Consellaría do Medio Rural por distintas canles suman máis de 2.000 hectáreas calcinadas. Delas, máis de 1.000 achéganas os fogos rexistrados nas últimas xornadas en Vilardevós (comarca de Verín) e en Ponteceso (Bergantiños).

Por superficie afectada, o maior é o de Vilardevós (570 hectáreas), declarado e estabilizado o domingo. Os tres incendios declarados en Ponteceso (470 has) permanecen tamén estabilizados. Segue na mesma situación o rexistrado en Rebordechau, en Vilar de Barrio (A Limia), tras queimar 20 hectáreas. Medio Rural deu por extinguido o domingo o incendio forestal que comezou a semana pasada na Caniza A Paradanta). Calcinou 295 hectáreas. Esta segunda estaba activo un lume en Sarreaus (A Limia), que queimara seis hectáreas, e extinguiuse en Noia outro activo desde o domingo e que afectou 5,5 hectáreas.

Xestión dos aeródromos

Alén dos incendios, Alfonso Rueda tamén informou dos acordos do último Consello da Xunta do curso. O Goberno galego anunciou que vai reclamar en Madrid o traspaso dos medios materiais, humanos e económicos para asumir as competencias para autorización e xestión dos aeródromos na Galiza que non teñen actividade comercial.

Segundo explicou Rueda, exceptuando os tres grandes aeroportos galegos de Vigo, A Coruña e Santiago, actualmente hai arredor de 40 aeródromos” na Galiza. Argumentou que xa hai comunidades que asumiron esta competencia "hai tempo” e que a Galiza reclámaa “nun momento especialmente axeitado” cun contexto de "impulso ao sector aeronáutico" que enmarcou na estratexia militar "a nivel europeo”.