Rueda deixa en mans de Altri seguir adiante "sen financiamento" e "sen conexión": "É unha decisión empresarial"

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta di "respectar" aos que se mobilizaron "de boa fe" contra o proxecto, pero denuncia que son "as manifestacións das forzas políticas de sempre".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, deixa en mans de Altri seguir adiante co proxecto de celulosa na Ulloa ao carecer de "financiamento" e de "conexión eléctrica". "Ao final é unha decisión empresarial", afirmou o titular do Goberno galego após a reunión semanal do Executivo

A semana pasada Alfonso Rueda consideraba "secundaria" a autorización ambiental a Altri após negarlle o Goberno estatal ao proxecto de celulosa na Ulloa o financiamento e a conexión eléctrica. O presidente galego indicaba, após a reunión semanal do Goberno galego, que a Xunta da Galiza seguiría "cumprindo cando proceda" coa tramitación sempre que "a empresa siga tendo interese".  Esta segunda feira, no mesmo escenario, o titular do Executivo galego deixaba en mans de Altri seguir adiante co proxecto "sen financiamento" e "sen conexión eléctrica". "Ao final é unha decisión empresarial, como calquera outro proxecto", dixo o presidente.

"Que non se fagan morrer proxectos que sen as conexións[enerxéticas] serían inviábeis", pediu a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, que compareceu canda Rueda,  para informar das alegacións da Xunta á planificación eléctrica do Goberno estatal até 2030, que deixa sen conexión eléctrica a Altri e, en palabras de Rueda,"discrimina clarisimamente Galiza". Precisamente esta segunda o Consello da Xunta aprobou estas alegacións. Lourenzá explicou que as alegacións baseábanse principalmente en que planificación deixa sen conexión proxectos na "provincia de Lugo", como o de Altri, e o baixo investimento na Galiza: 367 millóns, "2,8% do total cando Galiza representa 8,8% da xeración eléctrica" no Estado. 

Porén, non é Xunta que só alega. Ulloa Viva, Defensa da Ría de Arousa, a CIG, confrarías e bateeiros son algúns dos colectivos que están a presentar alegacións para que o Goberno español oficialice a exclusión de Altri da rede eléctrica. 

A preguntas da prensa sobre a manifestación do domingo en Santiago contra a pasteira, Rueda dixo "respectar moito as persoas que foron de boa fe", aínda que criticou "toda a propaganda e bombardeo" que, segundo el, promoven as forzas da oposición contra o proxecto de celulosa.

Reforma "a medida"

A deputada Patricia Igrexas (PSdeG) denunciou esta segunda feira que o presidente da Xunta impulsou unha reforma legal "feita á medida para blindar o proxecto de Altri e abrir a porta a que Galiza teña que pagar indemnizacións millonarias con cartos públicos no caso de que o proxecto non saia adiante". Explicou que a Xunta modificou en 2024 a Lei de Proxectos Industriais, introducindo os artigos 85 e 86, cunha cláusula "deseñada expresamente para esta multinacional. A lei estabelece que, se no prazo dun ano a Xunta non resolve o procedemento, Galiza queda obrigada a indemnizar a empresa”, sinalou. Segundo detallou, a norma fixa unha indemnización mínima de 1% dos gastos do proxecto, que pode chegar até os 500.000 euros, e mesmo incrementarse se a empresa reclama máis danos e prexuízos.

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu esta segunda a Rueda a escoitar a "gran mobilización de dignidade contra Altri e dar carpetazo definitivo a esta bomba ambiental".  Ana Pontón emprazou o titular da Xunta a "abandonar a súa soberbia a rectificar desbotando unha macrocelulosa que hipoteca Galiza".