Rueda defende como "lóxica" a proposta de converter a cheminea de Altri nunha icona pintada de verde

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello do Goberno galego. (Foto: Arxina)
Ademais, Alfonso Rueda negou esta segunda feira tras o Consello da Xunta da Galiza que poida haber compensación a Altri por parte do Goberno galego no caso de que non saia adiante a súa celulosa.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, negou esta segunda feira que poida haber compensacións por parte do Goberno galego a Altri no caso de que non saia adiante a celulosa en Palas de Rei (A Ulloa). "En absoluto", asegurou.

Así o afirmou tras o Consello da Xunta, sinalando que este caso, como en "calquera proxecto industrial", o Goberno galego ten que "cumprir" coas súas "obrigas de tramitación e autorización". "Estamos a cumprir coas nosas obrigacións, volvo dicilo outra vez, coa intención de que todos os proxectos industriais que sexan viábeis na Galiza se poidan implantar", remarcou.

Por outra parte, Rueda defendeu como "lóxica" a proposta de Altri de converter a cheminea de 75 metros da celulosa da Ulloa nunha icona e pintala de verde. Cuestionado sobre o informe de Patrimonio Cultural que defende esta cuestión, dixo crer que "é lóxico" conseguir a "maior integración na paisaxe".

"A min faime moita graza, os mesmos que critican esta intención son os que están a pedir que se declare BIC [Ben de Interese Cultural] unha cheminea que é catro ou cinco veces máis alta", afirmou en alusión á central das Pontes (Eume), a cal forma parte da historia industrial da Galiza, no canto de ser unha cheminea proposta para ser implantada.

"Por tanto, esas contradicións, unha non vale, dependendo de que sexa, e outra hai que conservala cun impacto visual moito maior custe o que custe", agregou. "Por tanto, un exemplo máis das incoherencias que estamos a ver neste asunto", concluíu o presidente da Xunta.

Rueda defende que "todos os expertos" din que a nuclear debe estar no mix enerxético

Rueda, preguntado por Nós Diario, seguiu esta segunda feira a estela da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e do líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, e argumentou que "todos os expertos" din que a enerxía nuclear debe formar parte do mix enerxético. 

"Iso non quere dicir que teña que habelas na Galiza, onde temos unha forte aposta polas renovábeis", afirmou. O líder do Executivo galego tamén destacou que a enerxía galega, e concretamente as centrais hidráulicas, contribuíron a que se puidese recuperar o servizo tras o apagamento xeneralizado da pasada semana. 

A pesar desta cuestión, Galiza foi unha das autonomías que máis tardou en recuperar a provisión de electricidade tras a crise da pasada semana. "Eu, como non son experto, si que creo que o que din os expertos hai que atendelo", engadiu para defender de novo a implantación da enerxía nuclear no mix eléctrico.

Porén, non existe o consenso científico o presidente da Xunta defende sobre a necesidade da enerxía nuclear. É máis, en conversa con este xornal, o doutor Damian Copena, membro do departamento de Economía Aplicada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sinala que "é un debate superado". "A enerxía nuclear ten moitas externalidades e non pode ser de ningunha maneira unha aposta de futuro, de feito o que temos que ir é na lóxica de eliminar esa clase de instalacións", engade. 

"A enerxía nuclear tarda moito en cambiar a potencia que pode proporcionar. Para facer un cambio brusco non vale, por contra o ciclo combinado si que pode pasar en moi pouco tempo de producir pouca enerxía a producir moita enerxía", sinala a Nós Diario o tesoureiro da cooperativa de consumo e autoconsumo de enerxía renovábel Nosa Enerxía, José Antonio Eiras.

"Non dá esta estabilidade", resume o experto. Opinión semellante amosaba o doutor en Física Teórica e experto en Enerxía do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio Turiel, nunha recente entrevista con Nós Diario. "Non se puido manter ese tipo de tecnoloxía acendida. Demostrouse que a nuclear non é capaz de reaccionar en situacións como esta", dicía.

Erros de comunicación

A preguntas de Nós Diario sobre as críticas polas consecuencias da adopción do nivel 3 de alerta no contexto do apagamento –a Xunta anunciou primeiro o fechamento dos centros de ensino, unha decisión que tivo que mudar ao ceder as competencias, o que, segundo denunciaron profesionais da docencia, desatou o desconcerto–, Rueda afirmou que "dicir que fallou a comunicación nun momento no que non existían as comunicacións, creo que non responde á realidade". "Nótase que quen fai as críticas por dicir que perdemos soberanía por pedir o nivel tres non gobernou na súa vida", sostivo.

Rueda ve "moi aceptábel" a débeda, malia duplicarse

A Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), publicou esta segunda feira un informe que destaca que a débeda da Xunta da Galiza –que o Banco de España cifra en 11.936 millóns de euros– se duplicou entre 2003 e 2024. A pesar disto, o presidente galego, Alfonso Rueda, reivindicou onte que Galiza presenta uns niveis de débeda "moi aceptábeis".

Ademais, Fedea, 'think tank' patrocinado por empresas do Ibex-35, suxire que os datos brutos de déficit das autonomías dos últimos anos son "bastante enganosos", engadindo que os datos positivos de 2020 e 2021 debéronse fundamentalmente "a un aumento das transferencias extraordinarias do Estado" como consecuencia da Covid. A pesar destas altas cifras de débeda, o Goberno galego rexeita a condonación pactada polo BNG e o PSdeG no acordo para investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado español.

Por outra parte, segundo as estimacións da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), a economía galega creceu 0,3% no primeiro trimestre de 2025 con respecto ao último do ano anterior, a metade da evolución rexistrada no conxunto do Estado. Ao respecto, o presidente do Goberno galego apuntou ás tensións comerciais como unha posíbel motivación.

Aprobado o Pladiga

O Consello da Xunta aprobou esta segunda feira o plan de prevención de incendios (Pladiga) para a campaña de 2025 con novidades como a creación da figura dunha xefatura de loxística en grandes incendios, o desenvolvemento dunha ferramenta de lumes transfronterizos con Portugal, o aumento das queimas preventivas para evitar incendios ou a revisión e mantemento dos diversos puntos de agua.

Con todo, o persoal laboral fixo descontinuo antiincendios traballará oito meses ao ano este 2025, centrándose en labores de prevención nas épocas nas que non centren a súa actividade na extinción. Así, non será até o próximo exercicio, en 2026, cando a contratación deste persoal se aumentará a nove meses.

García desenténdese das condicións das traballadoras do SAF

A conselleira de Política Social, Fabiola García, recoñeceu esta segunda feira a incidencia da soidade non desexada. Deste modo, cifrou en 21% as persoas maiores de 65 anos que viven soas, "moitas delas" sen desexalo, engadiu. Neste sentido, anunciou unha canle telefónica que atenderá e realizará un seguimento da situación destes casos.

Ademais, resaltou a creación dun protocolo e un censo para realizar o seguimento das persoas nesta situación, que se elaborará coa axuda de figuras como o servizo de axuda ao fogar (SAF).

Precisamente sobre o SAF, García respondeu a pregunta de Nós Diario. Sobre as queixas sindicais neste servizo e a pesar de ser unha competencia autonómica, a conselleira sinalou que as condicións laborais incumben á empresa privada e ás propias traballadoras, a través dos distintos convenios colectivos, e aí "a Consellaría non ten ningún tipo de participación".

Alén diso, sobre as reclamacións da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que o Goberno galego asuma as súas obrigas de financiamento do servizo –a Fegamp cifrou en 27,3% do custo do SAF a achega da Xunta–, a conselleira evitou verbalizar un compromiso e volveu insistir en que xa houbo unha primeira reunión para negociar.