Rueda conxela en 18 euros ao mes o complemento ás pensións que perciben 36.000 persoas
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego que o Executivo aprobou destinar este ano oito millóns de euros ao pagamento do complemento autonómico ás pensións non contributivas. Na Galiza hai 36.000 persoas que reciben esta prestación, cuxo importe en 2025 moveuse entre a mínima de 141,18 euros e un máximo de 564,70 euros ao mes en 14 pagas anuais.
Isto supón que —e en base ao estabelecido nos Orzamentos da Xunta para 2026, que fixaba 8.031.000 euros para este complemento autonómico— as persoas que cobran este tipo de pensión percibirán no primeiro trimestre deste ano 18 euros ao mes da Xunta por ese complemento. Unha cantidade practicamente idéntica á que recibiron en 2025 e 2024 e que pouco variou desde 2008, ano no que o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG fixou este complemento para axudar as persoas que recibían as pensións máis baixas.
Daquela, esa axuda era de 200 euros ao ano e en 2026 —18 anos despois— vai ser de 222. O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) entre 2008 e 2026 aumentou en 39,9%, polo que o complemento para este ano debería de abeirar os 280 euros para manter os niveis de capacidade adquisitiva de 2008. Desde a aprobación da medida esta pasou por diversas vicisitudes, como o intento de Alberto Núñez Feixoo cando presidente de eliminala en 2010 —retractouse e fixouna en 206 euros—.
Compra dun parque eólico
O Goberno galego tamén deu esta segunda feira o visto e prace á compra, por 75 millóns de euros, do parque eólico Mondigo, na Mariña, propiedade de Sinia Renovables, do Banco de Sabadell. O parque cómprao a sociedade público-privada Recursos da Galiza (RDG), na súa primeira adquisición case tres anos despois da súa creación e presentación.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, compareceu esta segunda feira canda o presidente galego para anunciar que este parque situado nos concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo (A Mariña) vai beneficiar 500 familias nun radio de dous quilómetros dos aeroxeradores cun desconto de 80% na súa factura da luz.
Outros asuntos do Consello da Xunta
Tamén no relativo á enerxía, e a preguntas da prensa sobre a decisión do Goberno estatal de aprobar a conexión de Stellantis Vigo á alta tensión, Rueda lamentou que ese paso non se dea "con outras industrias que queren estar aquí" e que viron denegadas as súas peticións neste sentido, como Altri.
O Executivo, na súa reunión desta segunda feira, acordou presentar alegacións a unha modificación, do Goberno estatal quere facer ao regulamento da Lei de Costas; e tamén deu o visto e prace a remitir ao Ministerio de Pesca as alegacións do Consello Galego de Pesca aos topes aprobados pola Unión Europea para xarda, lirio e abadexo e que farían perder 65 millóns á frota pesqueira. Por último, o Executivo aprobou un novo proxecto de lei, que se tramitará por sistema de lectura única no Parlamento, para que as familias poidan desgravar os pagos en efectivo de material escolar e libros de texto na declaración da renda deste ano, corrixindo así o erro da Xunta que llo impedía.