Rueda cesa a metade da 'cúpula' de Medio Rural após a peor vaga de incendios que sufriu o país o pasado verán
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira o cesamento de seis altos cargos do seu Goberno, tres deles da cúpula da Consellaría do Medio Rural, nunha remuda que afecta a metade dos órganos directivos do departamento.
Tres altos cargos de Medio Rural non comerán as uvas no Goberno galego. O presidente do Executivo, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira o seu cesamento "a petición propia". A remuda afecta a metade da cúpula desta Consellaría que fica baixo lupa após sufrir Galiza este agosto a peor vaga de incendios da súa historia. De feito, os cargos de Medio Rural cuxo cesamento publicará hoxe o Diario Oficial da Galiza (DOG) están relacionados co monte e o eido forestal. Así, cesa Jorge Atán, secretario xeral técnico do departamento que dirixe María José Gómez, que será substituído por Marta Forés, quen desenvolveu diferentes responsabilidades técnicas na Xunta.
Manuel Rodríguez, até o de agora director xeral da Defensa do Monte, "un posto especialmente complicado nestes últimos meses", en palabras do propio Rueda, tamén cesa. Substitúeo Manuel Francisco, que vén do ámbito forestal. Ademais, José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, deixa o seu cargo en mans de Luisa Piñeiro, a que fora de alcaldesa de Moraña (comarca de Caldas).
Rueda anunciou outros tres cesamentos noutros departamentos e tamén "a petición propia". José Ramón Lete Lasa cesa na Secretaría Xeral para o Deporte. Substituirao Roberto García, concelleiro do PP na Coruña. En Facenda cesa o responsábel da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), Julián Cerviño, substituído por Damián Rey. En Mar sae o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación, Cándido Rial, e entra Isaac Sánchez-Brunete. Rial accedeu ao cargo na reorganización tras a dimisión de Alfonso Vilares como conselleiro ao ser investigado por unha presunta agresión sexual.
A preguntas da prensa, entre ela Nós Diario, Rueda xustificou as remudas na "normalidade institucional". Sobre os tres ceses en Medio Rural dixo que "non é ningunha emenda" á política forestal deste departamento. "Estou moi satisfeito co seu traballo", acrecentou.
O futuro de Altri
Preguntado sobre a exclusiva deste medio do director de Augas da Galiza, Roi Fernández, admitindo que o proxecto de Altri "non parece ter moito percorrido", o presidente limitouse a sinalar que "a decisión de tipo económico de dar ou non pasos adiante corresponde á empresa".
Outros asuntos
Na súa comparecencia após o Consello da Xunta, o presidente tamén manifestou que non considera "prioritario", que Galiza faga parte da Unesco, tal e como propoñen diversas entidades galegas. "Sentímonos representados [na Unesco] polo noso país [en referencia ao Estado español]", concluíu.
O Goberno tamén aprobou que as peaxes das autovías autonómicas, a AG-55 (A Coruña-Carballo) e a AG-57 (Puxeiros-Val Miñor), se manteñan conxeladas e que seguirán as bonificacións a partir do 1 de xaneiro. Por último, o presidente e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, presentaron a primeira 'Estratexia de Innovación Empresarial da Galiza', coa que a Xunta "mobilizará 400 millóns de euros en tres anos".