Rueda anuncia 21 prazas de Psicoloxía para Atención Primaria malia non cubrir as 14 comprometidas para 2025
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta segunda feira na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego a posta en marcha, "neste mes de febreiro", da Rede de psicoloxía clínica en Atención Primaria do Sergas (Sergas) coa incorporación de 21 novos profesionais.
Con todo, en Atención Primaria hai actualmente só sete psicólogas e psicólogos clínicos, como recoñeceu o propio presidente: "Estas novas 21 incorporacións triplican o número de profesionais que agora mesmo están traballando, sete profesionais". A convocatoria destas 21 prazas prodúcese, ademais, sen que nada se saiba das 14 contratacións de prazas de Psicoloxía para Atención Primaria que Alfonso Rueda comprometeu para 2025 durante unha intervención no Parlamento galego.
Co anuncio realizado esta segunda feira por Rueda, e de cumprirse este, o númro de psicólogos e psicólogas clínicas na Galiza ascendería a un total de 28 profesionais para atender ao redor de 350 centros de Atención Primaria que hai na Galiza. A última actualización das listas de espera —a 31 de xuño de 2025— cifran en máis de 8.000 as persoas que están a agardar por unha consulta por saúde mental.
En total son 8.070 as persoas en espera por unha cita en Psiquiatría —incluíndo tanto a especialidade psiquiátrica como a de psicoloxía— na sanidade pública, unha cifra que é moi superior á de persoas que estaban en lista de espera no ano 2000 e que non chegaban a 5.000.
Este anuncio da Xunta realizouse apenas 24 horas despois da multitudinaria mobilización convocada por SOS Sanidade Pública e que reuniu en Compostela miles de persoas baixo a chuvia. A preguntas da prensa, o presidente afirmou "respectar" aquela xente que se mobilizou pola sanidade mais a seguir engadiu que había manifestantes alí "para seguir creando axitación, por razóns políticas".
Por último, no relacionado con sanidade, o Consello da Xunta autorizou esta segunda feira a contratación, mediante acordo marco con varios empresarios e polo período dun ano, da subministración sucesiva de diversos medicamentos destinados ao tratamento do mieloma múltiple — o segundo cancro de sangue máis frecuente— nos hospitais do Sergas. O valor estimado do contrato ascende a 59,5 millóns de euros. Estímanse en aproximadamente 625 as persoas candidatas ao tratamento.
Lei de Administración
Rueda tamén anunciou esta segunda, en compaña do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que o Consello autorizou o inicio do trámite de audiencia e de información pública do anteproxecto da Lei de Administración local da Galiza. “Imos ter a lei máis completa e actual do Estado”, indicou Rueda. Nesta liña, Diego Calvo resaltou que "mellora" o sistema de repartición de competencias e incorpora "fórmulas innovadoras de cooperación para o exercicio das competencias municipais, como é o caso das áreas funcionais de carácter temporal, que permitirán a agrupación de municipios para facilitar a prestación de servizos conxuntos ou o desenvolvemento de actuacións de interese común". En canto ao financiamento local, Calvo explicou que a nova norma tratará un novo sistema que integrará, entre outras cuestións, “criterios de dispersión e envellecemento da poboación”.
A oposición sinala o PP tras a prórroga da AP-9
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta segunda feira que o seu Executivo decidiu dar un mes de prazo ao Goberno español para que lle remita documentación sobre o proceso de infracción aberto pola Comisión Europea (CE) en relación á prórroga da AP-9 ou levará o asunto aos tribunais mediante un contencioso-administrativo. Rueda afirmou que hai máis de tres meses que a Xunta pediu ao Ministerio de Transportes que lle facilitase a documentación enviada pola CE, que considera ilegal a prórroga autorizada no seu día polo Executivo español cando o presidía o 'popular' José María Aznar; así como a resposta do propio Goberno español a Europa.
A prórroga
Precisamente a responsabilidade do PP nesa prórroga foi lembrada tanto polo BNG como polo PSdeG. O deputado do BNG Luís Bará indicou que a concesión permanece en vigor pola prórroga "que concedeu o Goberno de Aznar" e que leva a que "en lugar de acabar en 2023 se prolongase até 2048". "Estamos a pagar peaxes en 2026 porque o PP aprobou unha prórroga de 25 anos, coa cantidade de recursos que iso supón, e que agora temos que anular para que os petos dos galegos e galegas non sufran ese saqueo constante", reprochou. Defendeu que o BNG aposta por "unha revisión de oficio dese acordo", que considera "nulo de pleno dereito" e que "abriría a porta a unha indemnización" para a empresa.
Pola súa parte, a deputada PSdeG Lara Méndez no Parlamento galego lembrou onte que a concesión segue en pé "até 2048 porque o PP así o fixo ampliándoa". Así, tras apuntar que a prórroga está "baixo revisión en Bruxelas", apelou a "deixar en curso o procedemento iniciado".