Rueda atribúese medidas aprobadas polo Goberno estatal para paliar o impacto da guerra e preséntaas como propias
A ausencia de medidas directas para amortecer a suba de combustíbel no plan de medidas contra a crise derivada da guerra contra o Irán xerou malestar en sectores como o agro, a pesca ou o transporte, que urxían o Goberno galego a adoptar accións neste sentido ante un aumento do gasóleo profesional que abeira o 60%. A preguntas de Nós Diario, o titular da Xunta da Galiza defendeu a exclusión desas medidas afirmando que as adoptadas nese sentido polo Goberno estatal tamén son da Galiza, ao influír na súa recadación por impostos.
O plan aprobado polo Goberno galego para facer fronte á crise derivada da guerra contra o Irán non contempla axudas directas para amortecer a suba do prezo do combustíbel nos sectores máis afectados por este incremento: pesca, agro e transporte. Unha exclusión que non seguiron noutras comunidades, que si aprobaron este tipo de axudas directas, como é o caso das Illes Balears e Canarias. Nós Diario preguntou esta segunda feira ao presidente os motivos de excluír esas medidas directas, tendo en conta que outras comunidades con gobernos do PP si as aprobaron e son demandas de sectores produtivos. Rueda limitouse a responder que a rebaixa de impostos aos combustíbeis aprobada polo Goberno español "tamén é das comunidades", posto que 50% deses gravames rebaixados serían recadados polos gobernos autonómicos.
Así, o presidente galego atribúese unha medida que non foi aprobada no Consello da Xunta, senón no Consello de Ministros do Goberno español. Tanto o BNG como o PSdeG xa amosaron a súa "decepción" polo paquete de medidas aprobado polo Executivo presidido por Alfonso Rueda, un paquete que varias organizacións e colectivos de sectores produtivos consideraron "insuficiente".
Tamén preguntou a prensa ao presidente se vai esgotar a lexislatura ou adiantar as eleccións, como fixeron outras comunidades gobernadas polo PP. "A miña intención é ter moito tempo por diante para executar todo aquilo ao que nos comprometemos", dixo.
O Goberno galego aprobou na súa xuntanza desta sgeunda feira o novo programa 'Cualifica Talento', unha iniciativa para combater o abandono escolar temperá e atraer de novo ao sistema educativo a colectivos específicos, cun obxectivo inicial de alcanzar unhas 10.000 persoas. Segundo detallou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, este programa centrarase especialmente no perfil identificado con maior taxa de abandono: homes de entre 18 e 24 anos e inmigrantes. O conselleiro precisou que, mentres a taxa de abandono feminina sitúase en 7,2%, a masculina ascende até 13,5%, o que converte este fenómeno nun problema cun marcado compoñente de xénero.
IRPF
O presidente da Xunta destacou na súa comparecencia que "as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas desde o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda”. Lembrou que na campaña deste ano, que principiará mañá, “seguen vixentes as medidas de alivio fiscal” postas en marcha pola Administración galega e anunciou que volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar incrementados nese mesmo ano.
Dermatose nodular
Na súa comparecencia, Rueda tamén anunciou que o Executivo galego viña de aprobar novas medidas para evitar que a dermatose nodular contaxiosa (DNC) que afecta o gando bovino na Galiza. Actualmente hai 20 gromos no Estado, todos en Catalunya e Aragón. A Xunta aprobou que nos mercados e feiras de gando na Galiza só poderá haber animais de explotacións galegas, non de fóra.
Tamén anunciou o presidente unha nova liña de transporte por estada para unir A Coruña-Ferrol e Lugo, que afectará 60 concellos e dotada con 2,5 millóns de euros. Rueda afirmou que se habilitará un "autobús case directo" entre A Coruña e Ferrol —con parada nas Pontes (Eume)—.