Rueda minimiza a peor vaga de lumes da historia e afirma que a maioría do ardido "foron pedras e mato"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda,. (Foto: Arxina)
O presidente rebaixa o impacto dos incendios.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, quixo onte rebaixar a gravidade da vaga de incendios que nestas semanas calcinou máis de 100.000 hectáreas na peor vaga de lumes das últimas décadas.

Na súa comparecencia esta segunda feira após a reunión semanal do Goberno galego, Rueda —a preguntas da prensa a respecto da afectación dos lumes— afirmou que "a realidade é a que é" para, a seguir, afirmar que "60% do que ardeu era matogueira, monte baixo; e unha parte importante, que vemos cando circulamos pola estrada, de pedras, que tamén computan como superficie".

Os incendios afectaron espazos de alto valor natural, como O Invernadoiro ou Enciña da Lastra, mais non houbo referencia do presidente para eles. O titular da Xunta da Galiza tamén dixo que só 0,2% da superficie ardida nesta onda de lumes eran eucaliptos, dato que empregou como argumento para sinalar  a quen sostén "que o eucalipto é o causante da maioría das lumes na Galiza".

O titular da Xunta da Galiza rexeitou pedira conselleira de Medio Rural, María José Gómez, que deixe o cargo porque considera que a súa actuación foi “a axeitada”. Fíxoo en resposta a unha pregunta que lembraba que na vaga de incendios de 2006, o PP galego —do que Rueda era o secretario xeral- pediu a dimisión do entón conselleiro do Medio Rural, Suárez Canal (BNG), pola peor vaga de incendios. Na actual vaga arderon máis hectáreas mais Rueda defende manter a conselleira.

Preguntado por Nós Diario sobre o feito de que recoñecese que había motobombas paradas mentres solicitaba máis medios ao Estado, Rueda recoñeceu que houbera medios parados mais que pediu ao Estado "30 motobombas máis".

Preguntado sobre a condonación de 4.000 millóns de euros da débeda galega que o Goberno español vai aprobar hoxe, Rueda insistiu en que "é uinosa para a Galiza".