Rifa entre Paula Prado e a oposición ao negar a popular estar "desinformada" sobre casos de violencia machista

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado. (Foto: Íñigo Rolán)
A deputada do PSdeG Patricia Igrexas criticou a "desinformación vergoñosa" de Paula Prado ante "dous casos de violencia machista na Galiza" e instouna a informarse.

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, protagonizou esta cuarta feira unha pequena liorta coa oposición ao responder as súas críticas asegurando que non está "desinformada" sobre casos de violencia machista. En concreto, foi no pleno do Parlamento da Galiza, durante unha pregunta do PSdeG sobre os centros de información á muller, cando a socialista Paloma Castro aludiu á popular por un debate previo, substanciado na sesión de control.

Tamén máis tarde a tamén deputada do PSdeG Patricia Igrexas criticou a "desinformación vergoñosa" de Paula Prado ante "dous casos de violencia machista na Galiza" e instouna a informarse. Pola súa parte, Castro tamén recriminou ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o seu comportamento durante a dimisión do conselleiro denunciado por unha denuncia de agresión sexual.

A socialista criticou o líder do Executivo galego pola "mensaxe de sinalización á vítima, de cuestionamento do seu relato, de apoio ao presunto agresor e mesmo de protección ao poderoso", así como polo "efecto disuasorio nuns delitos que non se denuncian nun 80% dos casos".

Á cuestión respondeu a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen comprometeu "seguir reforzando" os centros de información á muller, con "máis fondos para equipamento, para o pago do persoal, para máis formación especializada e para pór en marcha máis actividades de prevención da violencia de xénero". "O compromiso da Xunta é inquebrantábel na loita contra a violencia de xénero", incidiu na súa quenda.

"Xuízos de valor"

A continuación pediu a palabra Paula Prado por "xuízos de valor" sobre a súa persoa, e indicou que puxo en dúbida a afirmación "desta mañá (a desta cuarta feira), cando a señora Pontón interveu, falou de dous asasinatos, atribuíndo un a Campo Lameiro". Durante a sesión de control, Paula Prado contestara un "non sei" tras ser interpelada pola líder do BNG, Ana Pontón, sobre se "era verdade" que foran "asasinadas" as últimas mulleres que faleceron na Galiza por violencia machista. Un feito tras o que Pontón sostivo que o Goberno do PP "está máis perto do discurso negacionista" da "extrema dereita" que da defensa das mulleres.

Prado, segundo defendeu, advertiu "de que había que ser prudente". "Parece que Castro tamén é xuíza e sabe que foi un asasinato machista. Eu puxen en dúbida esas manifestacións e tamén lle quero dicir á señora Castro porque hai publicadas, declaracións do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que falan de dúas liñas de investigación abertas", expuxo Prado.

"Mídanse"

Nese momento interveu o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, quen ordenou calar á nacionalista Montse Prado, ao seu lado na mesa do Parlamento. "Pida a quenda, mais agora non llo vou a dar, así evita o paseo", dixo. Neste sentido, e ante as queixas da oposición polo tempo que levaba falando Paula Prado, Santalices recomendou aos grupos que "sexan prudentes" e "non aludan".

"Chamouna desinformada, en palabras claras. Nun tema destes, é importante. Evitar ese comentario, hai que ser máis prudentes. O malo de falar é que ás veces che replican. Hai que ser prudentes. Se aluden directamente, o deputado ten dereito a pedir a quenda", afirmou. A final do pleno, de feito, o presidente da Cámara volveu lembrar esta recomendación: "Mídanse", aconsellou.