A reforma do financiamento do SAF deberá agardar até despois do Nadal

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, este segunda feira. (Foto: Xunta da Galiza)
Os concellos galegos están dispostos a dar a batalla até o final para reclamar que a Xunta da Galiza e o Goberno español financien o 100% do SAF, tal e como estabelece a Lei de dependencia. A Fegamp abandeira esta loita co obxectivo de liberar os concellos deste “gasto impropio” que levan anos asumindo

As negociacións entre a Xunta de Galiza e a Federación  Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) arredor do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos galegos está “atascada”. Ests segunda feira a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía (O Salnés), Alberto Varela, mantiveron un novo encontro arredor do “gasto impropio” que os concellos da Galiza están a asumir financiando o SAF, un servizo incluído dentro da Lei de dependencia que correspondería por lei financiar a 100% entre a Xunta e o Goberno español. Desde a Xunta declinaron facer valoracións ao respecto e limitáronse a enmarcar o encontro como “unha reunión normal no marco das negociacións”.

A reunión desta segunda feira rematou sen avance ningún. Desde a Fegamp aseguraron a Nós Diario que o acordo con Política Social foi “continuar as negociacións despois das festas”. Sobre a mesa da Fegamp estaría tamén, segundo confirmaron a este xornal, a posibilidade de xudicializar o conflito.

Cifras e prezos

O SAF atende na Galiza máis de 25.000 usuarios, segundo as cifras recoñecidas o pasado mes de marzo pola conselleira de Política Social, Fabiola García, logo dun encontro co presidente da Fegamp. Hai xa nove meses a Xunta gabábase dos 140 millóns de euros aportados desde o Goberno galego ao SAF, “un dos piares do sistema de atención á dependencia na Galiza”, recoñecía García nese encontro coa Fegamp arredor dos problemas de financiamento que os concellos galegos teñen con este servizo.

A Xunta da Galiza botaba balóns fóra a respecto do financiamento do SAF xa no mes de marzo, culpando o Estado español pola reforma da Lei de dependencia, que "sobrecarga a axuda no fogar sen incluír fondos adicionais e sen consensuar cos concellos nin coa Xunta”. Na realidade, a Xunta paga 12 euros por hora –deses 12 euros a metade achégaos a Xunta e a outra metade son do Goberno español– dun servizo que custa, de media, aos concellos 20,22 euros por hora –nalgúns casos este prezo por hora alcanza os 25 euros–. Os concellos levan meses reclamando unha primeira suba “inmediata” desta achega, até os 17 euros por hora, e a asunción do 100% “o antes posíbel”.

Na actualidade denuncian os concellos que co reparto desta competencia “que estamos asumindo de forma impropia” a realidade é que a Xunta paga 6 euros por hora deste servizo, aos que se suman outros 6 do Goberno español, mentres que os concellos achegan o resto, máis de 10 euros por hora do SAF.

Coas cifras medias, por cada usuario do SAF atendido unha hora diaria por este servizo a un prezo de 20,22 euros de media o custo ascende a 141,54 euros semanais por cada persoa atendida, o que ao mes eleva o custo deste servizo a 566,16 euros, alcanzando un custo de case 6.800 euros anuais por cada usuario, dos que os concellos asumen en solitario e de forma impropia 198,2 euros. Estes cálculos postos sobre o mapa municipal nun dos grandes concellos do país, coma o de Lugo, onde o número de usuarios e usuarias do SAF ascende a máis de 720, supoñen unha factura anual para este servizo de case 5 millóns de euros.

Noutro caso dun concello de menor tamaño, coma o de Lalín (O Deza), o Goberno local (PPdeG) vén de aprobar a licitación deste servizo para os vindeiros anos por un importe de 2,2 millóns de euros. En canto aos máis pequenos, como é o caso de Santiso (Terra de Melide), con 1.430 habitantes, o custo dos servizos sociais –entre eles o do SAF– chega a alcanzar os 800.000 euros anuais dun orzamento de pouco máis de dous millóns.

Concellos “afogados”

O resultado de anos asumindo este “gasto impropio”, segundo denuncia a Fegamp, é que moitos concellos galegos, sobre todo os de menor tamaño, están "afogados” porque levan anos asumindo máis da metade do custo deste servizo “cando a Lei de dependencia estabelece que a competencia e o 100% do financiamento corresponden ás outras administracións”. No caso dos concellos de menor tamaño, onde coincide tamén un elevado índice de envellecemento e de dependencia da poboación, asumir o SAF para a súa veciñanza chega a comprometer até 25% do seu orzamento municipal anual.

Nós Diario falou tamén esta segunda feira co Concello de Silleda (O Deza), con 8.900 habitantes. "Tivemos que municipalizar o SAF en 2022 porque a empresa que estaba contratada quebrou”, sinalan desde o Goberno local. Tres anos despois afirman que “é un servizo absolutamente deficitario”. A alcaldesa, Paula Fernández (PSdeG), fai un chamamento ás administracións supramunicipais “para que nos boten unha man aos concellos, porque isto pode acabar obrigándonos a quebrar”.

Segundo os datos facilitados polo Concello de Silleda a este xornal, destinan á atención dunhas 70 familias uns 800.000 euros ao ano. "A subvención que recibimos non chega aos 410.000 euros”, lamenta a rexedora. Conclúen desde Silleda que o SAF foi "un regalo envelenado para os concellos”.

Seguridade no traballo e uns orzamentos "suficientes"

A CIG reclamou esta segunda feira nun comunicado “que se dote o SAF cuns orzamentos suficientes para garantir unha prestación de calidade ás persoas usuarias e unhas condicións laborais dignas para as traballadoras”. No marco da reunión entre Política Social e a Fegamp, a CIG considera “unha burla” a proposta da Xunta de incrementar en 1 euro o financiamento do servizo, até alcanzar os 16 euros/hora en 2028. O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, criticou que “a proposta de subir a 14 euros/hora no ano 2026 é totalmente insuficiente”, xa que “non alcanza o nivel orzamentario para que o servizo se preste nas condicións que precisa o sector”. Tamén demanda a CIG nun comunicado a convocatoria da mesa de traballo para a aprobación inmediata dun protocolo de prevención e actuación ante situacións de violencia no SAF que garanta a seguridade das traballadoras.

'Bono Coidado'

Carlos Alján denuncia que o Goberno de Alfonso Rueda está a “detraer fondos do Estado español destinados ao SAF” para a posta en marcha do chamado 'Bono Coidado'. Segundo alerta en conversa con este xornal, a Xunta “sacou 17 millóns de euros da partida so SAF” para financiar esta “paga de 415 euros mensuais que precariza mulleres para o coidado de maiores e de dependentes”.