Quinto día consecutivo de cortes na PO-11 por inundación: o Concello de Pontevedra pide explicacións a Transportes
O Concello de Pontevedra elevará unha queixa formal ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel polas continuas inundacións que sofre a PO-11, denominada popularmente como Avenida de Marín. A decisión foi adoptada esta quinta feira pola Xunta de Goberno local, farta da falta de respostas ante un problema que se repite desde hai anos nunha vía fundamental para a mobilidade entre Pontevedra, Marín e a parroquia de Lourizán, no linde entre as comarcas de Pontevedra e O Morrazo.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta desta queixa formal nunha comparecencia na que cualificou a actitude do Ministerio de "manifesta pasividade" e advertiu de que a situación atravesa un momento "especialmente crítico". Segundo explicou, a cidade leva xa "cinco días seguidos con cortes na Avenida de Marín de madrugada" como consecuencia da coincidencia das mareas vivas coas choivas, unha combinación que está a provocar importantes problemas de tráfico e auténtico caos circulatorio.
Vilaverde lamentou que, a pesar de tratarse dun problema "recorrente, permanente e sobradamente coñecido", a única resposta obtida ata o de agora por parte do Ministerio fose a de incluír a zona "nun lote dun estudo macro a nivel estatal", sen que exista ningunha proposta concreta nin solución práctica encima da mesa. "Non entendemos que lle fixo Pontevedra a este Ministerio para actuar con esta pasividade", afirmou, lembrando ademais a importancia estratéxica da PO-11 desde o punto de vista económico pola súa conexión directa co Porto de Marín.
Sobre as posíbeis alternativas para atallar as inundacións, a tenente de alcalde respondeu que non é ao Concello a quen lle corresponde propoñer solucións técnicas nunha infraestrutura de titularidade estatal. "Non podemos sacar da chistera ningunha ocorrencia. Trátase dunha cuestión técnica de certa complexidade que ten que asumir o Ministerio, como vimos reclamando desde hai anos", insistiu, engadindo que, de ser competencia municipal, o problema xa estaría encamiñado.
Reunión na Subdelegación do Goberno español
A Subdelegación do Goberno español convocou esta sexta feira a unha reunión aos Concellos de Pontevedra e Marín, Policías locais destes municipios, Garda Civil de Tráfico, Axencia Galega de Infraestruturas, Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra e Demarcación de Estradas co obxectivo de "tratar de optimizar a coordinación ante a reiteración de episodios de corte de tráfico por subida das mareas na PO-11".
A este respecto, Eva Vilaverde confirmou a asistencia co obxectivo de colaborar e coordinarse "no que estea nas nosas mans", fundamentalmente na regulación do tráfico nas rotondas de Manuel do Palacio. Con todo, recoñeceu a "impotencia" do Goberno local ante unha "capacidade de actuación limitada", que non permite evitar que veciños de Lourizán queden atrapados nin que transportes especiais acaben desviados por pistas secundarias.