PSOE e Sumar acordan ampliar o permiso por nacemento a 17 semanas e retribuír parte do de coidado do menor

(Foto: Nós Diario)
Tamén acordan 32 semanas de permisos de nacemento e coidado para familias monoparentais

PSOE e Sumar alcanzaron un acordo no seo do Goberno estatal de coalición para aumentar o permiso por nacemento das 16 actuais até as 17 semanas, e retribuír dúas semanas por permiso de coidado de menor.

Segundo indicaron a Europa Press fontes do partido liderado por Yolanda Díaz esta segunda feira, Sumar mantén a "presión" para aprobar o Real Decreto-lei de permisos no Consello de Ministros da terza feira 29 de xullo e evitar a multa de Europa.

As mesmas fontes detallaron que o acordo contempla unha semana máis de nacemento e coidados até que o neno ou nena teña 12 meses, é dicir, das 16 actuais até as 17, con entrada en vigor "inmediata".

Ademais, estabelécense dúas semanas máis de permisos parentais retribuídos a 100% para coidados até os 8 anos. Neste caso, sinalaron que as dúas semanas parentais aplícanse retroactivamente desde agosto de 2024, que era cando o Estado español tiña a obrigación de traspor a Directiva europea.

Doutra parte, PSOE e Sumar acordan 32 semanas de permisos de nacemento e coidado para familias monoparentais, catro delas disfrutábeis até que menor cumpra 8 anos.

As fontes de Sumar destacaron, ademais, que a estas medidas súmase o "compromiso político" de incrementar unha semana de nacemento ata completar o total de 20, entre parentais e nacemento clásicas.

"Os traballadores terán dereito desde a aprobación da Real Decreto-lei a 19 semanas de permisos de nacemento e coidado, dous delas parentais ata os 8 anos de idade, retribuídas ao 100%, que se sumarían ás 8 semanas non retribuídas que actualmente recoñece o artigo 48 bis do Estatuto dos Traballadores e á posibilidade de acumular o permiso por lactación que xa se recoñeceu polo Ministerio de Traballo e Economía Social como un dereito das persoas traballadoras no RDL 2/2024", apuntaron