O PSOE rexistra unha lei para subir o IVE de pisos turísticos a 21% e aumentar o gravame das vivendas baleiras
O PSOE rexistrou esta quinta feira unha proposición de Lei para impulsar o aluguer de vivendas a prezos accesíbeis, que inclúe medidas como unha suba do imposto sobre o valor engadido (IVE) dos pisos turísticos a 21%, para que tributen como a actividade económica que son, así como gravar máis a vivenda baleira, entre outras.
Así o anunciou a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, durante unha rolda de prensa esta quinta feira na que detallou algún dos aspectos deste paquete fiscal, co que se dá cumprimento a parte dos compromisos adquiridos polo Goberno español no principio do ano, nas 12 medidas para mellorar a accesibilidade da vivenda anunciado polo presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.
A iniciativa inclúe un novo imposto estatal para desincentivar a compra de vivenda por parte de persoas extracomunitarias e estranxeiras non residentes gravando a compra de vivenda deste colectivo, cun novo tributo que o Estado español definirá para estas transmisións patrimoniais.
De igual maneira, inclúese a extensión das bonificacións do rendemento neto de aluguer no imposto sobre a renda das persoa físicas (IRPF), podendo chegar a 100%, en zonas que non fosen declaradas tensionadas para mobilizar a vivenda a prezos accesíbeis. Esta dedución farase para as propietarias que aluguen por baixo do prezo de referencia do Sistema Estatal de Referencia de Prezos do Aluguer de Vivenda.
Sobre a maior carga tributaria da vivenda baleira no IRPF, a tributación oscila entre 1,1% e 2%. Por iso, estabelecerase unha maior progresividade con máis tramos de tributación, cuxo porcentaxe se actualizaría en coordinación co Ministerio de Facenda. Ademais, Rodríguez fixo un chamamento aos concellos para "complementar" esta medida a través da recarga por vivenda baleira do imposto de bens inmóbeis (IBI) para mobilizar estes inmóbeis baleiros e as segundas residencias, co obxectivo de aumentar a oferta no mercado de aluguer.
O PSOE quere activar as medidas na primeira quincena de xuño
Sobre cando se activarán estas medidas, a ministra de Vivenda indicou que o PSOE pretende aproveitar a "primeira ocasión" que teña na cota de iniciativas do Congreso. Así, estima que é posíbel que isto sexa na primeira quincena do mes de xuño. "Non estamos en tempo de limitarnos ás regulacións, porque nalgúns casos debemos ir á prohibición. Non se trata de cosmética ou maquillaxe, senón que se precisa de contundencia", indicou Rodríguez.
De igual maneira, a ministra indicou que esta proposta rexístraa só o PSOE e non o Goberno de coalición para "priorizar a posta en marcha destas medidas canto antes". Ademais, indicou que desde o partido están a traballar xa para que estas medidas conten co apoio necesario no Congreso para saír adiante.
Sobre as Sociedades Cotizadas de Investimento (Socimi), modificarase a súa tributación, que pasará de tributar 15% a 25%, salvo que promovan vivenda destinadas ao aluguer a prezo accesíbel, nese caso a tributación será "nula". Desta maneira, barállanse dous supostos de redución deste incremento a 25%: redución de 50% ao tratarse de entidades que destinen ao aluguer accesíbel máis de 60% do seu parque total de vivenda e unha redución de 100% en caso de entidades que destinen ao aluguer accesíbel máis de 60% do seu parque de vivenda e cuxos seus beneficios se reinvistan, no prazo de tres anos, tamén en aluguer accesíbel.
Entenderase por vivendas destinadas ao aluguer a prezo accesíbel aquelas cuxa renda arrendataria estea por baixo do Índice de Prezos do Ministerio de Vivenda; ou que non superen o importe de 26.400 euros anuais; e sempre que cumpran algún destes dous requisitos: que se destinen a satisfacer a necesidade de vivenda permanente e sexan vivenda protexida ou a renda para satisfacer non supere 30% dos ingresos do fogar.
Outra das propostas recollidas na proposición de lei rexistrada polo PSOE contempla a regulación da transmisión á Nova Empresa Estatal de Vivenda, antiga SEPE, dos chans e patrimonio do Estado para destinalos a políticas de vivenda accesíbel, así como a modificación da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas para garantir a permanencia da vivenda pública e garantir así que sexa accesíbel.
Tamén a modificación da Lei do IRPF, para ampliar a 2025 as deducións fiscais por obras de rehabilitación enerxética, así como a modificación da Lei de Contratos do Sector Público, para impulsar a colaboración público-privada na construción de vivenda e facer fronte ao déficit habitacional. Estes contratos terán un prazo máximo de 80 anos.
O novo imposto á compra de non residentes non estará cedido ás autonomías
O novo tributo para desincetivar a compra de vivenda de persoas estranxeiras non comunitarias e non residentes no Estado español non estará cedido ás autonomías, para "evitar unha dobre carga impositiva", indicaron desde o PSOE. Desta maneira, gravará a compra de inmóbeis, excepto os dereitos reais de garantía, dentro do Estado español (excluíndo os casos de Euskadi e Nafarroa), mais só afectará a persoas físicas e empresas non residentes na Unión Europea (UE). Esta proposta non afectaría empresas ou profesionais no exercicio da súa actividade, agás se esta actividade está exenta de IVE, escenario no que si pagaría este novo imposto.
Ademais, esta proposta de lei rexistrada polo PSOE inclúe a actualización das táboas do Incremento de Valores dos Terreos de Natureza Urbana (plusvalía). A actualización destes valores máximos levarase a cabo de acordo coa recente xurisprudencia do Tribunal Constitucional respecto ao imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, coñecido como plusvalía municipal.