Socialistas de Narón acusan a dirección do PSdeG de "impor" o candidato á Alcaldía como "castigo"

Á esquerda, David Pita, secretario xeral do PSOE de Narón; á dereita, Jorge Ulla, candidato á Alcaldía, canda Valentín González Formoso, líder da formación a nivel da Galiza. (Fotos: PSdeG)
O líder local da formación ve na supresión das primarias no municipio unha represalia por apoiar Gonzalo Caballero como secretario xeral na Galiza.

O secretario xeral do PSOE en Narón, David Pita, mostrou esta segunda feira a súa desconformidade co sistema de elección do candidato á Alcaldía deste municipio e tachouno de "imposición", aínda que asegura que "acata a decisión dos órganos superiores".

Así, varios militantes socialistas en Narón consideran que a prohibición de realizar primarias neste municipio foi "un castigo" por apoiar Gonzalo Caballero en detrimento de Valentín González Formoso nas primarias que levaron a este último a converterse en secretario xeral do PSdeG.

Pita reuniuse na tarde da pasada sexta feira, 20 de xaneiro, con membros das executivas galega e provincial, aos que xa transmitiu a súa desconformidade co sistema de elección.

Lembrou que o 18 de novembro a dirección estatal transmitiulles a decisión "unidireccional e irrevogábel de anular o proceso de primarias en Narón, decisión trasladada aos militantes de Narón que manifestaron en asemblea a súa oposición ao proceso extraordinario de elección do candidato".

Así, afirmaron non entender que, "habendo unanimidade e normalidade no seo da agrupación desde hai anos, se lles impoña un candidato sen contar coa súa opinión", o que ao cabo supón rexeitar o estabelecido "nos Estatutos Federais e o Regulamento Federal de Desenvolvemento dos Estatutos Federais".

Con todo, David Pita quixo transmitirlle "toda a sorte do mundo" a Jorge Ulla, o candidato elixidos polas direccións provincial e galega. O cabeza de lista é avogado de UXT e membro da Executiva do PSdeG en Ferrol.