O PSdeG reclama explicacións á Xunta pola negativa do PP a converter a casa de Marcial Dorado nunha residencia pública

Paloma Castro e Luis Arousa. (Foto: Nós Diario)

A formación socialista exixe que a conselleira de Política Social, Fabiola García, aclare no Parlamento galego se o veto responde a decisións locais do PP da Illa de Arousa ou a directrices da Xunta da Galiza.

O Grupo Parlamentario Socialista anunciou a presentación dunha batería de iniciativas para que a conselleira de Política Social, Fabiola García, dea explicacións pola negativa do PP a apoiar a adquisición da coñecida como casa de Marcial Dorado na Illa de Arousa (O Salnés) coa finalidade de convertela nunha residencia pública da terceira idade. A deputada do PSdeG Paloma Castro considera "imprescindíbel" esclarecer se a posición do PP no Concello responde a unha decisión autónoma da dirección local ou se segue indicacións da propia Consellaría ou do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

Segundo explicou Castro, trátase dunha cuestión de "transparencia política e responsabilidade institucional", xa que a proposta permitiría reforzar a rede pública de atención ás persoas maiores nunha comarca, a do Salnés, que arrastra un "déficit evidente" de prazas residenciais públicas. A deputada cualificou de "incomprensíbel" que o Goberno galego se opoña a unha iniciativa que podería dar resposta ás listas de espera e á falta de recursos nun territorio "cunha poboación cada vez máis avellentada".

Desde o PSdeG lembran que a escaseza de prazas públicas obriga moitas familias a asumir custes elevados en residencias privadas ou mesmo a abandonar a comarca para atopar atención axeitada.

A parlamentaria socialista subliñou tamén o carácter simbólico da proposta, ao considerar que transformar un inmoble vencellado a un "pasado escuro" nun equipamento público ao servizo da veciñanza sería "un acto de xustiza social e dignidade democrática". As iniciativas rexistradas buscan coñecer se a Xunta avaliou o impacto social da operación e que medidas prevé adoptar para incrementar as prazas públicas residenciais no Salnés.

"Fabiola García debe dar a cara no Parlamento e explicar se o PP da Illa actúa por si mesmo ou se simplemente executa decisións tomadas desde San Caetano", concluíu Paloma Castro.