O PSdeG pide explicacións "claras e urxentes" a Rueda sobre Vilares

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
A formación socialista sinala que "feitos desta natureza, de confirmarse, serían absolutamente inadmisíbeis en calquera persoa, mais moito máis se cabe en quen ostenta un cargo público".

O PSdeG considerou que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, debe dar explicacións "claras e urxentes" tras a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, investigado por unha presunta agresión sexual.

Nun comunicado remitido aos medios, o PSdeG trasladou o seu respecto pola decisión do conselleiro do Mar de presentar a súa dimisión tras facerse pública a existencia da investigación. A formación socialista sinala que "feitos desta natureza, de confirmarse, serían absolutamente inadmisíbeis en calquera persoa, mais moito máis se cabe en quen ostenta un cargo público".

"É necesario agora que a Xustiza actúe con todas as garantías e a máxima dilixencia. E, sobre todo, que o presidente Rueda dea explicacións claras e urxentes sobre este asunto de tanta gravidade, tendo conta ademais que os feitos denunciados sucederon hai xa varios meses", trasladou.