O PSdeG pide ao Goberno de España que "non conceda un só euro" a Altri

Iglesias, Carou, García, Costa, Pérez, Outón, Varela, Regades, Cacabelos, Vales, Arousa, Otero e Araúxo. (Foto: Nós Diario)
Manifesto de alcaldes e cargos socialistas do Salnés e Caldas contra a pasteira.

O PSdeG lanzou esta terza feira desde Vilagarcía de Arousa unha "ofensiva" de alcaldes e responsábeis municipais das comarcas do Salnés e Caldas contra o proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). David Regades, secretario provincial do PSdeG en Pontevedra -e que ademais é delegado especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo-, acompañou os alcaldes de Vilagarcía de Arousa,  Alberto Varela -que é presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias-; da Illa de Arousa, Luís Arousa; de Caldas de Reis, Jacobo Pérez; e do Grove, José Cacabelos; así como o tenente alcalde de Pontecesures, Roque Araúxo, e outros concelleiros e concelleiras das comarcas na lectura dun manifesto no que demandan ao Goberno español que “non pode conceder un euro de subvención a un proxecto desfasado no tempo e incompatíbel coa axenda verde”.

Aseguraron que o proxecto de Altri “é incompatíbel” co chamado “pacto verde” europeo e coas “liñas de transformación da economía que o Goberno de España impulsa a través das convocatorias dos proxectos estratéxicos dos Proxectos estratéxicos para a recuperación e a transformación económica (Perte)”. No manifesto, aseguraron que “fabricar celulosa a partir de eucalipto é un modelo do século pasado” e “contrasta dramaticamente” con outras iniciativas como a fabricación de chips fotónicos en Vigo ou as plantas de hidróxeno verde.

Anunciaron a presentación dunha moción con este postulado na sexta feira na Deputación de Pontevedra e “deseguido nos concellos afectados”. No manifesto que leron esta terza feira en Vilagarcía recollen até dez motivos para o rexeitamento á celulosa en Palas de Rei. Sinalaron que Altri “é unha ameaza ao noso modo de vida”, supón “un paso atrás para o saneamento da tía”, pon en “risco” postos de traballo e o cualifican como “un proxecto político dunha Xunta sen políticas industriais do século XXI para Galiza”.

Mentiras e opacidade

Criticaron que o proxecto é “unha sucesión de mentiras” e cualificaron a declaración de impacto ambiental (DIA) positiva outorgada pola Xunta o pasado mes de marzo como “unha falta de respecto á cidadanía” e un “libro de instrucións para contaminar”. Lembran no manifesto que a Xunta “leva 30 anos dicindo que non hai sitio para outra celulosa na Galiza” para rexeitar o traslado de Ence de Lourizán (Pontevedra) e para Altri “aparecen até sete emprazamentos”.

No manifesto socialista contra o proxecto de Altri advirten tamén de que a implantación da macrocelulosa suporía “a consolidación da eucaliptización da Galiza”. Incidiron tamén en que ”Galiza non debe acoller un proxecto que Portugal rexeita”, asegurando que “non se pode comprender” que unha empresa portuguesa veña á Galiza a fabricar celulosa “procedendo dun país onde o solo industrial e os custos laborais son moito máis baratos e cunha superficie forestal que triplica a galega”.

Remata o manifesto dos cargos socialistas e alcaldes das comarcas cualificando o de Altri como “un proxecto opaco”. Criticaron que toda a tramitación “desde a aparición dos directivos da empresa da man da Xunta até o día de hoxe está presidida polo que se oculta”. Mesmo falan do “memorando de entendemento” asinado en 2021 pola empresa e a sociedade Impulsa, participada pola Xunta, cuestionando que a día de hoxe “siga a ser segredo” e queda “fóra da Lei de Transparencia”.