O PSdeG di que Rueda "funcionou como relacións públicas de Altri"

Julio Torrado. (Foto: Nós Diario)
Torrado defende a "sensatez" do seu partido fronte ao proxecto de macrocelulosa.

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, afirmou esta seta feira que o Partido Popular   “foi sempre a rebufo do que ocorría" no relativo á celulosa proxectada por Altri na Ulloa, "funcionando case como relacións públicas da empresa”. “Rueda fixo un traballo inmenso para implantar unha macrocelulosa que ninguén quería e que Galiza non necesita, e o resultado foi de bastante fracaso, por sorte, para galegos e as galegas”, engadiu Torrado.

 O portavoz socialista puxo en valor tamén a este respecto que “a posición política sensata ao principio ás veces é moi criticada, porque estamos nun mundo dunha política veloz, mais ao final esa política sensata imponse e resolve os problemas que preocupan á cidadanía”.

Nese sentido, Torrado destacou o "papel determinante" do portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, neste asunto: “O partido que estudou, analizou, entendeu, comprendeu e deu as posicións políticas referentes e importantes sobre os temas que preocupan á xente, como foi a posíbel implantación de Altri, foi o Partido Socialista, e foi Gómez Besteiro.

Creo que a súa posición política foi determinante, foi seguida e é a principal referencia política na evolución do caso Altri na Galiza nos últimos meses”, dixo.

A Xunta critica a medida

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, referiuse esta sexta á exclusión do proxecto de Altri da planificación da rede eléctrica 2025-2030 e criticou que dita decisión "prexudica toda a provincia de Lugo", á vez que lamentou que "todo se reduce a política".

Criticou que "por negarlle a conexión a unha empresa concreta", en alusión a Altri, o Goberno estatal "deixa sen conexión toda unha provincia". "Iso non o entende ninguén", subliñou o titular do Goberno galego.