O PSdeG denuncia os "16 anos perdidos" en materia de vivenda por parte do PP na Xunta da Galiza
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, avanzou esta segunda feira que a vivenda será un dos eixos centrais que levarán ao Debate sobre o Estado da Nación e contrapuxo as políticas de vivenda levadas a cabo por gobernos socialistas en concellos galegos cos "16 anos perdidos" nesta materia por parte do PP na Xunta da Galiza.
En rolda de prensa, Méndez destacou que a problemática da vivenda "afecta á vida de miles de persoas" e, aínda que lembrou que o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, xa trasladou as propostas dos socialistas en varias preguntas a Alfonso Rueda "sen obter resposta", agora volverá ser un dos temas que aborden no Debate. "Non vimos facer propaganda. Non é un acto financiado co diñeiro de todos para maior gloria do PP nin de Rueda como o que vimos a semana pasada. Vimos para falar de realidade, a dar voz á xente que o está pasando mal, a que vive con medo a perder a súa casa", manifestou.
En relación ao tema da vivenda, Méndez lamentou que "a realidade é crúa" e detallou que no ano 2022 a Xunta "só executou 9% dos programas de vivenda". Por iso acusou o PP de dicir "que non hai recursos, mais están aí e non se usan", aseverou, mentres, engadiu, "aumenta a emerxencia habitacional" con "máis de 20.000 persoas anotadas no rexistro único de demandantes de vivenda protexida".
A “alternativa” municipal
Fronte a isto, destacou a "alternativa" dos concellos socialistas, "que demostran que hai outra maneira de gobernar e de facer política". Así, mencionou políticas de municipios como Vigo, "que busca mobilizar 13.000 vivendas baleiras con axudas á rehabilitación", ou A Coruña, "que promove máis de 1.100 vivendas protexidas e pediu á Xunta a declaración de zona tensionada".
Por todo iso, avanzou que entre as propostas que defenderán os socialistas no Debate figuran a creación dun Banco Público de Alugueiro, o reforzo do Bono Xuvenil ou o impulso á rehabilitación de vivenda en zonas rurais. Tamén demandou á Xunta que execute "100% dos fondos estatais e europeos" nesta materia. "Que non se volva a perder nin un só euro", reivindicou a parlamentaria do PSdeG.