O PSdeG demanda un "plan de choque" urxente ante o "aumento desmedido" da pobreza na Galiza

A deputada socialista Silvia Longueira. (Foto: Nós Diario)
A deputada Silvia Longueira afirma que o incremento significativo do número de persoas en risco de pobreza ou exclusión "evidencia o fracaso das políticas do Goberno galego".

A portavoz de Política Social do grupo socialista, Silvia Longueira, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias logo de coñecer as conclusións do último informe sobre a pobreza elaborado pola Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galiza). A deputada urxe o Goberno galego a elaborar e aprobar de urxencia un "plan de choque transversal" para activar "todos os recursos" contra o "incremento desmedido" do número de persoas en risco de pobreza ou exclusión.

Longueira alerta este domingo de que o aumento de 50.000 persoas en risco de pobreza e exclusión, con especial incidencia nas mulleres e crianzas, "evidencia o fracaso das políticas do Goberno galego". 690.000 galegos e galegas en risco supón para a socialista o fracaso “non só da política social ou da loita contra a pobreza”, senón que “evidencia que a calidade do emprego é absolutamente insuficiente, a política de vivenda queda moi lonxe dos seus obxectivos, e a rede de apoio á cidadanía é absolutamente deficiente".

Advertiu tamén de que un de cada catro galegos e galegas vive en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón "un problema transversal que exixe unha resposta transversal do Goberno galego”. De acordo con estes datos, a pobreza alcanza mesmo a xente traballadora e as mulleres, sinaladamente as nais solteiras ou separadas, e sobre todo os nenos e nenas, cun incremento “intolerábel” da pobreza infantil nos fogares con menores: até 27,1%, salientou.

A parlamentaria socialista demanda á Xunta que inclúa neste Plan contra a pobreza “orzamento, prazos e medidas concretas e medíbeis” co obxectivo único que “reverter esta preocupante situación dos fogares galegos”. Tamén reclamou que “se executen na súa totalidade os orzamentos destinados a políticas de vivenda, emprego e de loita contra a pobreza”.

Silvia Longueira, ademais, pediu á Xunta que colabore coas entidades do terceiro sector para pór en marcha, nun prazo de catro meses, un Plan estratéxico para afrontar a situación de exclusión e vulnerabilidade. Tamén urxiu a desbloquear a Lei de inclusión da Galiza, logo de “anos anunciando e proxectando a súa redacción”.