PSdeG deixa para outono as primarias das locais

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Europa Press)

O PSdeG decidiu adiar para o outono o proceso de primarias das eleccións locais. Malia que nun primeiro momento considerábase que esta cita celebraríase antes do verán, o contexto político estatal e a proximidade do mes de agosto sitúa o horizonte á volta do período estival.

A intención da dirección dos socialistas é chegar ao inverno cos candidatos dos comicios municipais escollidos. Segundo sinalaron a Europa Press fontes socialistas, alí onde gobernan repetirán como alcaldábeis os actuais rexedores, deixando as primarias para aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes onde non teñen a alcaldía.

Os socialistas galegos agardan, agora, a que a dirección estatal do partido dea por aberto o proceso no mes de setembro, fixando nese momento o calendario definitivo. Na mesma dirección, apostan por non facer coincidir as primarias das locais coa elección do candidato para as galegas, onde gaña forza a opción de Valentín Formoso.

Ourense

Os dirixentes do PSdeG consultados por Nós Diario ven como probábel a celebración de primarias nas cidades de Ourense e Pontevedra. Así, na primeira das localidades cobra forza a presentación dunha candidatura alternativa ao actual voceiro municipal e secretario xeral do PSdeG na provincia, Rafael Rodríguez Villarino.

Rodríguez Villarino, cuxa candidatura resultou a máis votade en 2019, non conseguiu a alcaldía tras o pacto entre o PP de Manuel Baltar e Democracia Ourensá de Gonzalo Pérez Xácome, quen finalmente acadou o bastón de mando.

Natalia González, secretaria xeral da agrupación socialista de Ourense e persoa afín a Valentín Formoso, gaña folgos como posíbel relevo de Rodríguez Villarino, aliñado internamente con Gonzalo Caballero.

Pontevedra

A incógnita méntense, tamén, en Pontevedra. Neste caso, a batalla dáse entre dúas persoas que apoiaron a Valentín Formoso  no anterior proceso congresual e que fan parte na actualidade do grupo de Goberno da cidade.

Un deles é o primeiro tenente de alcalde de Pontevedra, Agustín Fernández, que ten expresado a súa vontade de recuncar avalado polo traballo desenvolto nestes catro anos, onde exerceu de socio do alcalde nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores.

O outro candidato, membro, tamén, do grupo de Goberno de Pontevedra é Iván Puente. Puente, alcalde de socialista de Fene no pasado, pasa por ser a persoa preferida polo aparato socialista e dunha parte da agrupación da cidade.