O PSdeG critica a privatización da sanidade como "estratexia política"

Lara Méndez, esta segunda feira, no Parlamento da Galiza. (Foto. Nós Diario)
Lara Méndez censura o modelo sanitario do PP.

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento da Galiza e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou esta segunda feira a “deriva ayusista” do Goberno de Alfonso Rueda na sanidade pública galega e advertiu de que o modelo que está a impulsar o PP conduce a un sistema no que “quen pode paga a privada e quen non, espera”.

Tras a mobilización masiva decorrida o domingo en Compostela en defensa da sanidade pública, Méndez asegurou que o país está a vivir “unha deterioración deliberada do sistema sanitario” que responde a unha "estratexia política clara". “Ténsanse os servizos, esgotan a xente e logo preténdese vender a privatización como única saída”, afirmou. A dirixente socialista subliñou que este modelo, "inspirado no que aplica Isabel Díaz Ayuso" en Madrid, “non garante igualdade nin dereitos”, e advertiu de que “a saúde non pode depender da capacidade económica de cada quen”. Advertiu tamén que a mobilización cidadá “non foi un feito illado” e garantiu que o PSdeG “vai estar ao lado da cidadanía, nas institucións e tamén fóra delas".