O PSdeG condena a elección de Miguel Tellado como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro

Miguel Tellado, o 6 de agosto en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A formación socialista considera que a escolla significa "a politización dunha celebración que debe honrar a cultura e o viño" e non ser "unha plataforma propagandística do PP".

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense manifestou a súa "rotunda condena" á elección de Miguel Tellado, secretario xeral do PP español, como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025. O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, denunciou que "esta designación responde a criterios exclusivamente ideolóxicos e o perfil de Tellado carece do prestixio e vinculación co sector vitivinícola que debe caracterizar a quen protagonice un evento declarado de interese turístico da Galiza e financiado con fondos públicos".

Vila expresou o apoio incondicional da Executiva Provincial que el mesmo encabeza ao grupo municipal socialista de Leiro (O Ribeiro) na súa denuncia da "politización" dunha celebración que "sempre foi un referente da cultura e tradición vitivinícola galega".

"Miguel Tellado non é unha figura de prestixio no ámbito cultural nin ten vencello algún co noso viño ou co Ribeiro. Este nomeamento responde unicamente a intereses partidistas do PP e representa unha nova mostra do uso clientelar que fan dunha festa que pertence a toda a veciñanza", afirmou o dirixente socialista.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE destacou que a designación de Tellado para 2025 continúa cun patrón iniciado en 2019 que converteu a Festa da Vendima nunha "plataforma de propaganda política do PP". "Desde que chegou o PP ao Goberno local de Leiro, a elección de pregoeiros derivou nunha sucesión de nomeamentos exclusivamente partidistas que nada teñen que ver coa esencia cultural e vitivinícola da celebración", explicou Vila.

"Mariano Raxoi en 2019, varios conselleiros da Xunta en 2022 e 2024, e agora Miguel Tellado en 2025, amosando que o PP só pensa en utilizar este evento como escaparate electoral, non como homenaxe ao traballo viticultor e á tradición cultural do Ribeiro", engadiu.

Para Álvaro Vila, a elección de Tellado representa "un agravio cara aos verdadeiros protagonistas que deberían ocupar o púlpito na Festa da Vendima: escritores, xornalistas, divulgadores, adegueiros e representantes do sector vitivinícola que realmente transmiten e defenden a esencia cultural e económica desta celebración".

Subliñou ademais que "mentres o PP elixe cargos políticos sen ningunha vinculación co territorio nin co viño, os profesionais que durante décadas traballaron pola promoción e dignificación do Ribeiro quedan relegados a un segundo plano".

Apoio ás accións de protesta

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE exixiu que a Festa da Vendima de Leiro recupere o seu espírito orixinal e recoñeza o traballo das persoas vinculadas á cultura, á historia e ao viño da comarca. "Non podemos permitir que unha celebración declarada de interese turístico da Galiza se converta nunha ferramenta de propaganda partidaria financiada cos cartos de todos os galegos e galegas", sentenciou o secretario provincial.

Vila anunciou que os socialistas apoiarán todas as accións do PSdeG-PSOE de Leiro encamiñadas a devolverlle á Festa da Vendima o seu carácter orixinal de honra para esta "terra con carácter" e "escaparate do mellor do Ribeiro". "Seguiremos denunciando esta instrumentalización política dun evento que debe ser patrimonio de toda a veciñanza e non plataforma electoral do PP", concluíu o dirixente socialista.