Lara Méndez cre que Alfonso Rueda "encobre un investigado por agresión sexual"
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, criticou esta segunda feira que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "siga sen dar explicacións pola súa actuación ante a denuncia por agresión sexual contra o seu conselleiro do Mar".
Durante unha comparecencia acompañada pola secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, e outras representantes socialistas, Méndez insistiu en exixir responsabilidades políticas ante un caso "que non se pode dar por fechado nin minimizarse".
Ao mesmo tempo, lembrou que, na Galiza, "cada día máis de 20 mulleres presentan denuncias por violencia de xénero, e cada tres días hai unha nova denuncia por agresión sexual".
Sobre o 'caso Vilares', Méndez considerou que a resposta de Rueda demostra unha actitude "de encubridor, non de presidente responsábel". Pola súa parte, Silvia Fraga lembrou que "en ningún caso a violencia machista é un asunto privado", como cualificou Rueda a denuncia contra Vilares.
"É un asunto público e incúmbenos a toda a sociedade, e principalmente ás institucións, protexer as vítimas", sentenciou.