O PSdeG acusa á Xunta de deixar "tirados" ao redor de 120.000 enfermos de Covid persistente
Espinosa advirte que co feche definitivo da unidade de enfermaría de Ourense o Goberno galego retíralle o apoio aos doentes desta enfermidade crónica, aos que obriga a “peregrinar” por diferentes especialistas.
A voceira de Sanidade do grupo PSdeG, Elena Espinosa, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta da Galiza que constitúa consultas de enfermaría de covid persistente en tódalas áreas sanitarias.
Espinosa urxe ao Goberno galego a recuperar o apoio que precisan estes pacientes, que segundo os especialistas suporían en torno a 120.000 galegos e galegas aos que lles foi retirado definitivamente o apoio co desmantelamento da última unidade covid que resistía en Ourense.
A deputada do PSdeG considera incomprensíbel que o Goberno galego teña deixado "tirados" aos doentes dunha enfermidade crónica recoñecida oficialmente desde o pasado mes de xullo e que precisan dunha atención integral.
A dirixente socialista reclamou ao Goberno galego que "escoiten aos afectados e afectadas e actúen con responsabilidade” para garantirlles a atención digna, coordinada e continua que a doenza require.
Espinosa lembrou que na Galiza rexistráronse rexistrados 762.301 casos de covid, dos que entre 10% e 20% derivaron en covid persistente. Nesta liña, que os expertos sanitarios e as asociacións de pacientes cifran en 120.000 os doentes de covid persistente no país.
Derivadas
A covid persistente é unha doenza que afecta a todos sistemas orgánicos, incluído o sistema cardiovascular, o nervioso, o endócrino, inmunolóxico, reprodutivo ou gastrointestinal, con síntomas como malestar xeral, dores musculares, astenia, falla de concentración ou fallos de memoria.