O PSdeG acusa a Xunta de converter Turismo da Galiza “na chequeira de Candia” para “comprar vontades en Lugo"

A viceportavoz do grupo socialista, Lara Méndez. (Foto: Nós Diario)

 

Lara Méndez alerta que  Turismo da Galiza, organismo da Xunta presidido polo propio Rueda, destina os seus fondos a fomentar o "clientelismo".  

A deputada socialista e secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou que o Goberno galego converteu a Axencia de Turismo da Galiza "na chequeira da señora Candia", en referencia á suposta utilización de fondos públicos con fines electorais por parte da presidente do PP de Lugo, Elena Candia.

Méndez acusou ao director da Axencia de Turismo da Galiza, Xosé Manuel Merelles, de estar apoiando  co seu orzamento unha estratexia de “clientelismo” que ten como obxectivo “comprar vontades en Lugo e provincia cun fin electoral”.

A parlamentaria do PSdeG criticou que co orzamento da Axencia de Turismo da Galiza o PP “vai repartindo cartos a destro e sinistro polas parroquias, polas asociacións e polos colectivos”, denunciando unha festas de disfraces organizada por “unha panadaría do ámbito familiar dunha persoa que foi nas listas da señora Candia”.

"Panadarías organizando festas de disfraces"

"Panadarías organizando festas de disfraces ou campionatos de dardos", alertou Lara Méndez en relación  a outro establecemento do mesmo sector noutra localidade luguesa. Na mesma dirección, criticou a contratación “dunha orquestra para as festas dunha parroquia a unha consultora de enxeñaría”.

“Non criticamos que se financien festas de disfraces, nin campionatos de dardos, ou que se fagan obras nos centros sociais, pero non sei se lle correspondería á Axencia de Turismo", ironizou Méndez en referencia á política deste organismo público en Lugo.

Méndez denunciou a contratación a unha consultora de enxeñaría de "dúas prazas de aparcamento nun centro social", asegurando que para habilitar eses aparcamentos se incluíu na memoria, como xustificación, que por alí pasaba o Camiño Primitivo, algo  que, segundo o PSdeG non é certo.

"Non pode ser a chequeira da señora Candia"

"Non pode ser a chequeira da señora Candia" a Axencia de Turismo da Galiza, reiterou Méndez, quen invitou ao Goberno galego a “facer unha reflexión” sobre o “uso que se está facendo" dun organismo que debería "servir para apoiar un motor económico fundamental" da Galiza.