PP e Xunta piden deixar os "teatrillos" contra Altri: "Serán os técnicos quen avalíen o proxecto"
A secretaria xeral do PP, Paula Prado, cualificou de "absolutamente vergoñosa" e de "teatrillo" a protesta realizada esta sexta feira por Greenpeace no complexo administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, para esixir a retirada do proxecto industrial que planea Altri para Palas de Rei (A Ulloa).
A preguntas dos medios nunha rolda de prensa, Prado dixo que non pode "concordar con esta forma de protestar", referíndose a episodios anteriores da mesma organización que supoñen "ataques ao patrimonio" da Galiza, por exemplo, a pancarta que descolgou dun dos balcóns da Catedral compostelá o pasado mes de xuño.
Ademais, a dirixente popular lamentou outras accións como "pintadas en paredes e na pedra, en pasos de peóns, en farois públicos e en colectores", porque "todo iso ten un custo importantísimo" para as arcas das administracións públicas. Neste contexto, Prado lembrou que mesmo o Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, aprobou unha ordenanza "para multar que se peguen adhesivos" no mobiliario urbano.
A 'número dous' do PP cre que estes "ataques ao patrimonio ou ao mobiliario público nada achegan ao futuro da Galiza" nin á "protección" do medio ambiente "que tanto din defender" os activistas.
Así mesmo, fronte á petición realizada por Greenpeace na Xunta, acompañada dunhas 550.000 sinaturas para que se emita unha declaración de impacto ambiental negativa contra a factoría, Prado asegurou este trámite fano "técnicos", en base á "lexislación ambiental", e "non políticos". "Se eses informes son positivos, non entendemos cal é a protesta, porque falamos de que están en xogo miles de postos de traballo para a Galiza", sinalou.
A secretaria xeral do PPdeG relacionou este asunto coa "frustración" da oposición tras "perder as eleccións" o pasado mes de febreiro. Así, pediu que fagan "propostas en positivo, que constrúan unha Galiza mellor e que deixen de envorcar esa rabia" en cuestións "que nada favorecen o futuro" da comunidade.
Críticas ao nacionalismo
Na mesma liña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, insistiu en que son os técnicos os que avaliarán o proxecto de Altri e non "os que montaron" un "show" esta quinta feira en San Caetano.
A conselleira rexeitou os "intentos de condicionar os funcionarios públicos por parte do nacionalismo galego" que, segundo dixo, "insiste en acusar a Xunta de posicionalos para orientar os informes dos que dependen os proxectos, como é o caso de Altri". "Quen decidirá se Altri ou calquera outra empresa pon en marcha un proxecto non somos os políticos nin tampouco os activistas como os que esta mañá organizaron un show na entrada de San Caetano", afirmou.
A conselleira subliñou que "a Xunta non está para shows" e que "Galiza non está para shows". "Estamos para avaliar se estes proxectos ven compatible a protección do medio ambiente coa creación de postos de traballo", sostivo.
Vázquez tamén se referiu ao persoal funcionario, de quen dixo que son persoas anónimas que fan o seu traballo con "independencia, rigor e profesionalidade", "sen indicacións de ningún tipo, nin internas nin externas" como, segundo dixo, "demostra o feito de que un de cada tres proxectos que se someten a avaliación ambiental é rexeitado por non cumprir cos requisitos ambientais esixidos por lei".