PP vs. PP: Miguel Santalices e Paula Prado protagonizan unha lea no Parlamento, con “ditadores” incluídos
Todo comezou nunha das últimas preguntas orais que realizou a parlamentaria Celia Vázquez (PP) ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, sobre unha posíbel proba de acceso á universidade común para toda España.
O pleno do Parlamento da Galiza desta cuarta feira terminou cunha acalorada discusión de varios minutos entre o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, e a número dous do PP, Paula Prado, xurdida a raíz dunha petición para retirar unha expresión do Diario de Sesións.
Todo comezou nunha das últimas preguntas orais que realizou a parlamentaria Celia Vázquez (PP) ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, sobre unha posíbel proba de acceso á universidade común para toda España.
Respecto diso, na súa intervención, Vázquez lamentou que a pesar dos esforzos da Xunta da Galiza por conseguir un exame común en todo o Estado, o PSdeG e o BNG sempre votaron en contra "atendendo ao ditado do que di o ditador".
Ante esta afirmación, a deputada socialista Paloma Castro solicitou que se retirase este termo por ir contra o "decoro ou a dignidade" do grupo parlamentario socialista, por chamar "ditador" a Pedro Sánchez.
Con todo, nese momento, o presidente do Parlamento considerou que o que Vázquez quixo dicir é "ditador de ditar", non de persoa autoritaria. "Se entendese outra palabra, por suposto que a retiraba ao momento. Aquí non se pode mencionar esa palabra referíndose a ningún grupo", explicou Santalices, aludindo que o regulamento da Cámara recolle que nestes casos todo dependerá da interpretación do presidente e así o interpretou el. "Non se chamou ditador no sentido que vostede di a ninguén. Non o consentiriamos. Para min está claro", sentenciou falando con Paloma Castro.
Tras isto, na última pregunta oral relacionada co Museo da Romanización de Lugo, a socialista Lara Méndez asegurou que se reuniu "co ditador que ditaba naquel momento, o señor Núñez Feixoo".
Por iso, a 'popular' Paula Prado pediu a palabra aludindo tamén ao regulamento, ao entender que se atentou contra o "decoro" do seu grupo. Nese instante, Santalices dixo que isto xa estaba explicado con anterioridade e que as palabras de Méndez tomáballas como unha "perrencha". Iso si, deixou claro que antes Celia Vázquez non fixo mención explícita a ningunha persoa en concreto, pero Lara Méndez si nomeou Feixoo.
Así, deu palabra á parlamentaria para que retirase e explicase que quixo dicir. Ela indicou que, a pesar de que a 'popular' non nomease Sánchez, "todos saben" que ía por el e dixo que só retiraría as súas palabras se tamén o facía Celia Vázquez. Por todo iso, Santalices retirou el mesmo esta palabra, o que supuxo unha chamada á orde para Lara Méndez.
Rifa con Paula Prado
Con todo, a cousa non quedou así, xa que Paula Prado acusou Santalices de "non cumprir o regulamento", xa que ela solicitou a palabra e non se lle foi dada. Mesmo chegou a preguntarse se non a deixaba a falar por ser deputada do PP, xa que á socialista si a deixou falar. "Iso non llo cre nin o apuntador", dixo Santalices en ton irónico.
Paula Prado tamén lle dixo ao presidente da Cámara que se ten dúbidas sobre o regulamento, consúlteas cos servizos do Parlamento. Tras varios minutos de rifa, finalmente Santalices deu por "resolto" o asunto e terminou o pleno.