O PP vota en contra de aumentar as axudas aos daminificados pola vaga de incendios

San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras. Incendio de Larouco. (Foto: Pedro Armestre / Greenpeace)
O BNG pedía máis fondos e menos burocracia.

O voto do PP na Comisión de Agricultura, Gandaría e Montes do Parlamento galego evitou que se aprobase unha iniciativa presentada polo BNG e que propuña incrementar as axudas pola vaga de incendios para que os afectados poidan “seguir vivindo e traballando” no rural.

O deputado do BNG Secundino Fernández reclamou esta sexta feira un incremento destas axudas, así como cambios nunha tramitación que agora adoece de excesiva burocracia, trámites “farragosos” e prazos moi limitados. Entre outras cuestións, demandou ademais, que as axudas inclúan o lucro cesante para todas as explotacións.

"Desde o BNG presentamos propostas para que o sector agrícola, gandeiro e forestal podan seguir e que as mulleres e homes que están no sector non sexan os que paguen desta desastrosa situación”, explicou Fernández, afondando na necesidade de mellorar as axudas para que as persoas afectadas polos incendios podan seguir “vivindo e traballando” no rural. Cominou así o Executivo que preside Alfonso Rueda a “rectificar” tras a súa “xestión desastrosa” e lamentou o voto en contra do PP a mellorar unhas axudas que agora, denunciou, son insuficientes e feitas “de cara á galería”, pois non van poder ser cobradas por un gran número de afectados e afectadas, sobre todo de pequenas explotacións familiares e de actividade complementaria.

Miguel Viso (PP) argumentou que "o Goberno galego aprobou unha orde de axudas rápida e eficaz" para as persoas afectadas e acusou o BNG de "chegar tarde, como sempre" coa súa proposta. 

“O enfoque é asistencialista, sen conexión cunha estratexia de recuperación nin cunha aposta polo rural. Isto perpetúa o abandono, a precariedade e a marxinación dos sectores máis fráxiles da Galiza interior”, argumentou pola súa parte o nacionalista. Fernández pediu que se amplíe o prazo para solicitar as axudas (un mes), preguntándose ao respecto como van facer os afectados polos últimos incendios en Pantón.

Unións Agrarias

Unións Agrarias demandou esta sexta á Xunta que amplíe o prazo de solicitudes de axudas para explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras polos incendios. A organización agraria expón que o prazo fixado até o 1 de outubro "vai imposibilitar a presentación de peticións".