O PP veta investigar a vaga de incendios que arrasou máis de 100.000 hectáreas

Alberto Pazos Couñago, este 23 de setembro no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

Ana Pontón denuncia unha "cadea de neglixencias" na Xunta da Galiza: "Ao PP impórtalle unha migalla que arda este país".

O PP valeuse da súa maioría absoluta no Parlamento galego para vetar unha comisión de investigación sobre a vaga de incendios que arrasou este verán máis de 100.000 hectáreas na Galiza. Esta petición foi impulsada polo BNG, que contou co apoio de PSdeG e Democracia Ourensá.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comezou a súa intervención cunha denuncia do xenocidio cometido por Israel contra o pobo palestino e arremeteu cos populares: "Cantos nenos e nenas máis hai que asasinar en Palestina para que lle chamen ás cousas polo seu nome? É un xenocidio que non podemos seguir soportando. É vergoñoso".

Tras iso, Pontón denunciou que esta "catástrofe" dos lumes "máis grandes da historia" no país, con 140.000 hectáreas calcinadas (segundo datos do proxecto europeo Copernicus), produciuse por unha "cadea de neglixencias" na Xunta da Galiza.

Pleno do Parlamento galego, este 23 de setembro. (Foto: Nós Diario)

A líder da formación nacionalista denuncia que os populares "son uns irresponsábeis e uns temerarios" por non querer investigar o sucedido para evitar que "dentro dun ano, dous ou tres a catástrofe sexa maior". "Ao PP impórtalle unha migalla que arda este país", clamou.

A Xunta, "desbordada"

E é que Pontón reprocha que os lumes "desbordaron" a Xunta da Galiza, "deixando en evidencia a súa incompetencia" ante "o medo, a rabia e indignación" da cidadanía. Aquí cargou contra a xestión do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, quen "non fixo o seu traballo", debido a que "en plena vaga de incendios non estaba no centro de coordinación", senón "na praza de touros de Pontevedra".

De tal forma, Pontón acusa os populares de "desmantelar" as medidas de prevención do bipartito e achaca a vaga de lumes a "décadas" de abandono do rural, unha política forestal "fracasada" e a eucaliptización. "Esta catástrofe puido evitarse se o Goberno do PP tomase outras decisións e aprendese dos seus propios erros", resalta.

Ana Pontón. (Foto: Arxina)

A líder nacionalista critica que o plan anticendios (Pladiga) "é un fracaso" e "non había os medios que se necesitaban", cun dispositivo "incompleto" no que se sacaron 300 prazas en plena tempada de alto risco. Reprocha que había motobombas paradas por falta de persoal e que se produciu un "fallo de coordinación" no dispositivo. Cuestiona por que non aumentaron os efectivos en Ourense "como recomendaban os expertos", á vez que sostén que a Xunta deixou 11 millóns en prevención sen executar.

De feito, Ana Pontón mostrou o seu desexo de que a veciñanza de San Vicente de Leira, en Vilamartín (Valdeorras), lles puidese "dicir á cara" aos populares o que lle dixeron á prensa mentres ardían as súas casas: "Deixáronnos sós, non había medios para loitar contra os incendios".

Por todo iso, lamenta que o PP pretenda "ventilar" esta crise sen unha investigación e tacha de "vergoña" que o PP diga que "non pasa nada". Defende que os cidadáns "merecen explicacións, transparencia e coñecer a verdade". Exixe "garantir que 'nunca máis' se repita o vivido este verán". "Debémoslla ao futuro", concluíu Pontón sobre esta comisión de investigación.

Apoio de PSdeG e DO

Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) denuncia que os incendios foron "unha catástrofe provocada pola inacción da Xunta". Recrimina que sete anos despois do ditame da comisión de incendios pola vaga de lumes de 2017 "nada cambiou", o cal "non foi unha sorpresa, foi a crónica dun desastre anunciado". Unha problemática da que responsabiliza á "política errática e desvaída do Goberno galego".

E é que lamenta "sete anos perdidos que multiplicaron os riscos e levaron ao desastre actual". Resume que se produciu unha catástrofe "provocada pola inacción da Xunta".

Carmen Rodríguez Dacosta. (Foto: Nós Diario)

Rodríguez Dacosta censura as "carencias" e a "precariedade" no dispositivo antincendios, con "centos de vacantes sen cubrir", motobombas "paradas", "contratos temporais" e "falta de execución orzamentaria". A iso uniuse unha información "opaca, incompleta e partidista".

Mentres, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, reclama que os orzamentos da Xunta para 2026 aposten por "recuperar" a provincia de Ourense tras os lumes. Cre necesario investigar "cales son as causas" e "que fallou" para que "non se emitan bulos".

Armando Oxea. (Foto: Arxina)

Rexeitamento do PP

Pola súa banda, o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, reduce esta petición de investigación a unha "cerimonia interesada da confusión na que están instalados de maneira permanente" os nacionalistas.

Así, xustifica o rexeitamento en que xa se está seguindo a folla de ruta da comisión de investigación por mor de vaga de incendios de 2017, que "se esta desenvolvendo a bo ritmo", aínda que di que é un plan que "tardará décadas en desenvolverse".

Opina Pazos Couñago que esta comisión "non pretende alcanzar unha conclusión, senón consolidar un prexuízo". "No linchamento van estar vostedes sós", esgrimiu. Tamén cuestiona o dato de 140.000 hectáreas de Copernicus ao incluír territorio que non é da Galiza.

Tras comezar a súa intervención cun agradecemento a "un dos mellores equipos de extinción do mundo", Pazos Couñago considera esta reclamación "un novo chanzo na súa estratexia de difamación (do BNG)".

Despois de acusar Pontón de buscar a "polarización", o portavoz popular enumerou diferentes casos que salpican o PSOE, como os da muller e o irmán de Pedro Sánchez, para exemplificar que aí os nacionalistas non piden comisións de investigación. "Un asqueroso modo de entender a política", asegura.

Por estes argumentos, o popular móstrase en contra dun "xuízo político cuxa sentencia xa fixeron pública".