O PP urxe suspender as regras fiscais impostas por Raxoi para permitir aos concellos usar os remanentes

O alcalde de Poio, Angel Moldes, explicando a posición do PP sobre as regras fiscais. (Foto: Nós Diario).

 

O Partido Popular da Galiza leva a súa batalla contra o Goberno do Estado á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste caso, reclama a modificación das regras fiscais impostas polo Executivo de Mariano Raxoi e mantidas polo de Pedro Sánchez.

O voceiro do PP na entidade, o alcalde de Poio, Angel Moldes, solicita a Fegamp que medie co Goberno do Estado para permitir aos concellos “utilizar o superávit orzamentario de 2024 de xeito autónomo”.

Moldes considera que esta proposta permitiría aos municipios financiar aqueles servizos públicos que teñan maior necesidade en cada caso. Nesta dirección, reclama absoluta autonomía para empregar os remanentes orzamentarios.

O dirixente popular entende que esta proposta contribuiría tamén a "paliar os problemas de financiamento que acusa, de xeito xeneralizado, a administración local".

 "Trátase dunha medida fundamental para os concellos”, apunta Moldes, quen reclama a súa posta en marcha “tendo en conta, ademais, o incremento xeneralizado dos custes na prestación de servizos”.

“Uns custes”, continúa Moldes “que, nalgúns casos, están provocando un aumento das taxas e dos impostos municipais á veciñanza para poder facerlles fronte".

Moldes sinala que esta “é unha preocupación que comparten todos os alcaldes e alcaldesas polo uso que van poder facer do superávit orzamentario”. Precisamente, esta é unha cuestión que condiciona a elaboración dos orzamentos dos concellos.

As políticas fiscais da troika

A suspensión por parte do Goberno do Estado das regras fiscais impostas polo Executivo de Raxoi seguindo os ditados das políticas de austeridade da troika permitiu nos exercicios 2020, 2021, 2022 e 2023 empregar os orzamentos.

 "Os concellos non somos os culpábeis da débeda pública”, indica Moldes, “polo que é inxusto que sexamos nós os que debamos asumir de xeito directo estas consecuencias con limitacións de gasto dun diñeiro que é da veciñanza e tendo en conta, a maiores, os problemas de financiamento que sufrimos”.