O PP urxe ao Estado “maior axilidade” nas obras da autovía A-54
O Partido Popular urxiu ao Goberno do Estado axilizar as obras da autovía entre Compostela e Lugo. Neste sentido, reclamou que se lle dea prioridade ao remate dos tramos desta infraestrutura.
O parlamentario do PP, Roberto Rodríguez e a voceira deste partido en Melide, Dalia García demandaron ao Executivo estatal “máis transparencia cos seus proxectos, menos mentiras cos prazos e a maior axilidade” nas obras da autovía A-54.
Rodríguez alertou do "colapso" e "falta de seguridade viaria" que se vai producir no centro de Melide en canto se abra o novo tramo entre este concello e Palas de Rei, na comarca da Ulloa.
"Os veciños e veciñas de Melide e desta comarca levan moitos anos agardando por unha infraestrutura esencial, a autovía A-54”, asegurou Rodríguez, quen sinalou “que o Goberno de Sánchez xa comprometera para o Xacobeo 2021-2022, pero remata este ano 2024 sen ser unha realidade e no ano 2025 tampouco o vai ser”.
O deputado popular criticou “o último atraso da A-54 é o da apertura do tramo entre Melide e Palas de Rei, previsto nas últimas intencións do Goberno central para antes de que rematara o presente ano”.
Rodríguez denunciou que “mentres non remate o seguinte último treito, até Arzúa, o centro de Melide e a rotonda principal da N-547 neste concello van estar aínda máis colapsados do normal, con graves problemas para condutores e viandantes".
“Avogamos para que esta infraestrutura, a A-54, fundamental para esta comarca, para a provincia de Lugo e para o resto da Galiza sexa unha realidade canto antes”, aseverou Rodríguez.
O parlamentario do PP rematou afirmando que “todos desexamos poder viaxar de Santiago a Lugo e de Lugo a Santiago de forma rápida e segura".
Críticas ao Goberno de local Melide
Dalia García reclamou ao Goberno da localidade que "tamén sexa transparente" e urxiu canto antes un plan de tráfico organizado porque se non, o noso concello seguirá colapsado”.