O PP tomba a iniciativa do BNG no Senado para evitar o financiamento estatal de Altri
A iniciativa do BNG para reclamar que o Goberno español non destine "nin un só euro" de fondos públicos para "a instalación dunha macrocelulosa no corazón da Galiza" foi vetada esta terza feira pola maioría absoluta do PP no Senado.
A senadora nacionalista, Carme da Silva, denunciou na Cámara Alta a posición da formación popular que, "no canto de defender os intereses dos galegos e galegas, está a actuar como comercial de Altri".
Ademais, Da Silva chamou o resto de forzas políticas a "recapacitar e reconsiderar a súa postura en relación á instalación da macrocelulosa". "Non se trata dun expediente administrativo, do que se trata é de amosar a posición política e debe ser clara, que Altri non reciba recursos públicos que lle permitan levar a cabo este atentado ambiental", engadiu a representante.
"Hai unanimidade na sociedade galega. Hai que escoitar o clamor da sociedade e non conceder fondos públicos para que se instale o macroproxecto de Altri", manifestou Da Silva.
"Este verán, Galiza padeceu unha vaga de lumes que aínda continúa co incendio de Barreiros. Estes lumes que arrasan o noso país evidencian a necesidade dun xiro radical na política rural, territorial e forestal; e Altri redundaría nesta política forestal", concluíu a nacionalista.
Pola súa parte, o socialista César Mogo e a deputada defende a actuación do Goberno estatal respecto do proxecto, asegurando que o Executivo español "é a garantía de que non se atentará contra o medio ambiente".
Referendo sobre a celulosa
O PP e Vox rexeitaron esta terza feira no Congreso unha iniciativa de Sumar na que propuña adoptar as medidas necesarias para que a decisión de instalar a planta de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) non poida adoptarse sen o apoio da cidadanía afectada mediante un referendo consultivo, mentres que o PSOE optou pola abstención, o que foi definitivo para que a iniciativa non saíse adiante.