O PP recoloca Agustín Reguera na Deputación de Pontevedra horas despois de cesar como delegado da Xunta
Tras deixar a Delegación Territorial da Xunta da Galiza en Pontevedra, o tamén ex alcalde de Soutomaior foi nomeado novo "director de Acción Municipal e Investimentos" da Deputación de Pontevedra, incorporándose ao Goberno provincial presidido polo popular Luís López.
Nas eleccións municipais de 2023, Agustín Reguera, quen fora alcalde de Soutomaior durante 28 anos, perdía a Alcaldía, que pasaba a mans do nacionalista Manuel Lourenzo. Porén, aquel resultado non supuña o final da súa traxectoria política. As eleccións decorreron o 28 de maio de 2023 e, apenas tres semanas despois, o 21 de xuño, o dirixente popular tomaba posesión como novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra.
Un cargo que mantivo até esta mesma segunda feira, cando o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o cesamento, "a petición propia", de Agustín Reguera como delegado territorial en Pontevedra. Un posto que pasa a mans de Pablo Fernández López, concelleiro do PP en Pontevedra durante case unha década e que até o de agora desempeñaba as súas funcións na Secretaría Xeral de Emprego da Consellaría de Emprego.
Con todo, 48 horas despois de abandonar a Delegación Territorial, Reguera conta xa cun novo destino dentro do organigrama institucional. Así, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, anunciaba esta quinta feira a súa incorporación como novo "director de Acción Municipal e Investimentos" do Goberno provincial, un cargo no que no Partido Popular atoparon acomodo ao ex delegado da Xunta en Pontevedra.