PP e PSdeG apoian no Parlamento o acordo entre a UE e o Mercosur que mantén o sector agrogandeiro galego en pé de guerra
PP e PSdeG apoiaron esta quinta feira no Parlamento galego o acordo comercial da Unión Europea (UE) co Mercosur, durante unha sesión da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes. O posicionamento produciuse a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG.
Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou esta sexta feira na Cámara galega unha iniciativa para rexeitar a acordo entre Mercosur e a Unión Europea e instar á "Xunta da Galiza a oporse ao acordo Mercosur-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego".
O autor da proposición, Secundino Fernández, defendeu a proposta asegurando que "provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións e dará entrada a produtos alimenticios sen garantías, prexudicando tamén aos consumidores".
A proposición dos nacionalistas non saíu adiante ao votar en contra da mesma PP e PSdeG. Así, o deputado popular Miguel Angel Viso argumentou a posición favorábel dos populares ao tratado entre Mercosur e a Unión Europea malia recoñecer que "os riscos do acordo son máis importantes que os beneficios" e advertir dos seus "graves" impactos no sector agrario galego. Ao tempo, criticou ao Goberno do Estado por "negociar o acordo sen contar coas comunidades autónomas" e reclamou "medidas concretas" de salvagarda.
A parlamentaria socialista Lara Méndez cargou contra os nacionalistas por oporse ao acordo de libre comercio entre a Mercosur e a Unión Europea, afirmando que "non ten por que ser malo para Galiza". A este respecto, destacou as achegas do seu partido nas institucións comunitarias para mellorar os contidos do pacto comercial e reclamou "responsabilidade, rigor e firmeza das administracións", que "deben garantir a eficiencia nos controis, o uso real das ferramentas que habilita o acordo e demostrar capacidade de reforzo do mercado interno de carne na Galiza".