O PP oponse á creación dunha Oficina Antifraude no Parlamento galego
Os votos da bancada do PP botaron esta terza feira abaixo no Parlamento galego unha proposición non de lei do BNG para crear na Galiza unha Oficina Antifraude adscrita á propia Cámara para a prevención da corrupción. O deputado nacionalista Iago Tabarés defendeu o que cualificou como “unha iniciativa construtiva, en positivo, e que non vai contra ninguén, só contra a corrupción”. En todo caso, e visto o ton do debate nesta sesión parlamentaria, Tabarés comezou asegurando que “non todos somos iguais; a corrupción cero existe e non é un mal inevitábel”.
Referiuse así a un informe da Universidade de Gotemburgo (Suecia) no que se asegura que “na Galiza a percepción da corrupción supera a media da Unión Europea”. Ese mesmo informe sitúa o país entre os catro territorios do Estado español cun maior elevado número de casos de corrupción, só por detrás de Estremadura, Andalucía e Castela-A Mancha, salientou o parlamentario.
Diante destes datos, o BNG defendeu a creación na Galiza dunha Oficina Antifraude como a que xa existe en Catalunya, Nafarroa ou Andalucía –creada co PP no goberno hai 2 anos–, ou como as de Illes Balears e o País Valencià, “desmontadas nos últimos tempos polos gobernos do PP e Vox”, afeou Tabarés.
O PSdeG apoiou a iniciativa do BNG cos seus votos. A deputada Patricia Igrexas cualificou a corrupción como “un ataque directo á democracia” e asegurou que “quen a permite debilita a democracia”. O voceiro do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos, rexeitou a iniciativa asegurando que na Galiza “xa se tomaron medidas hai máis dunha década”.
Nunha sesión plenaria con moita bronca e constantes referencias a casos de corrupción, as transcricións no sumario da 'Operación Pokémon' das conversas entre a deputada popular Paula Prado –presente no hemiciclo– e o ex voceiro popular Ángel Espadas, falando dos "regalos da hostia que fai Vendex”, foron protagonistas durante o debate. Tanto BNG como PSdeG referíronse a estas conversas datadas de 2014.
Alberto Pazos saíu en defensa da súa compañeira de filas no PP: “Cando se reciben bolsos e regalos da hostia hai dúas opcións, quedar con eles ou devolvelos, como fixo Paula Prado”. A propia Prado alegou que “fai referencia a unha frase dun sumario de 170.000 folios”.