O PP incrementou a carga financeira da Galiza pola súa tardanza en acudir ao FLA
O Fondo de Liquidez Autonómico (FLA) foi unha liña de crédito creada polo Goberno do Estado en xullo de 2012 no contexto da crise económica.
O mecanismo dirixido ás comunidades autónomas creouse mediante o Decreto Lei 21/ 2012 nun contexto marcado pola falta de liquidez nos mercados, a restrición de crédito por parte do sistema financeiro e uns elevados tipos de xuro, como consecuencia das políticas restritivas aplicadas polo Banco Central Europa (BCE).
A proposta, aprobada polo Executivo de Mariano Raxoi, estaba concibida para que o Estado prestara diñeiro directamente ás comunidades autónomas e que estas non tiveran que financiar a súa actividade corrente e a súa débeda nos mercados financeiros, cuns tipos de xuto moito mais elevados que o estabelecido polo Fondo de Liquidez Autonómico (FLA).
Neste sentido, mediante este mecanismo o Goberno do Estado puxo a disposición de todas as comunidades autónomas entre 2012 e 2022 unha contía de 393.114 millóns de euros.
A diferencia doutras comunidades autónomas o recurso da Galiza ao FLA foi tardío e escaso.
Segundo os datos achegados polo economista e presidente da Comisión de Economía e Facenda do Parlamento galego na V lexislatura (1997-2001) Xosé Díaz, Galiza “fixo un uso mínimo deles, con grave prexuízo para os nosos servizos públicos, de maneira que no período 2012-2022 a súa participación elevouse a 2,4%, 9.562 millóns de euros duns fondos totais repartidos de 393.114 millóns de euros en todo tipo de mecanismos extraordinarios”.
Os tipos de xuro
Os tipos de xuro pagados por Galiza neste período incrementáronse de xeito considerábel por primar o Executivo galego endebedarse co sistema financeiro e non co FLA. Precisamente, a banca foi a principal beneficiada da operativa empregada polos Executivos de Feixoo e Rueda.