O PP impulsa no Senado unha lei que impediría á selección galega competir a nivel internacional
A Cámara Alta, onde o PP ten maioría absoluta, votará a toma en consideración da modificación da lei do Deporte.
O Pleno do Senado votará esta semana a toma en consideración da reforma da lei do Deporte proposta polo PP, que blinda a competencia do Estado español no que respecta á representación do deporte federado español e evita a participación das seleccións nacionais galega, catalá e vasca en competicións internacionais, como viñeron reclamando entidades sociais como Vía Galega.
En concreto, os populares propoñen suprimir o apartado 2 do artigo 48 da Lei 39/2022, do 30 de decembro, do Deporte, no que se contempla que as federacións deportivas nacionais "poderán participar directamente no ámbito internacional se a federación internacional correspondente contempla a súa participación, no caso de modalidades ou especialidades deportivas con arraigamento histórico e social na súa respectiva comunidade autónoma".
Ese mesmo punto expresa tamén que as federacións autonómicas estarán facultadas para participar nesas competicións cando formaran parte dunha federación internacional "antes da constitución da federación española correspondente".
Tamén reformulan o artigo 49, estabelecendo que para participar en probas deportivas oficiais tanto estatais como internacionais será "preciso" ter unha licenza expedida pola federación española, co obxectivo de garantir a "uniformidade de contido e condicións económicas por modalidade, estamento e categoría". E estabelecen un prazo de dous anos desde a entrada en vigor da nova norma para que as federacións españolas e autonómicas se adapten ás novas condicións.
Previsibelmente, esta norma sairá adiante no Senado pola maioría absoluta do PP e mandarase ao Congreso dos Deputados para que continúe co seu percorrido parlamentario. Con todo, a Cámara presidida por Francina Armengol aínda non deu luz verde a ningunha das proposicións de lei que veñen do Senado.