O PP critica a UDC por izar a bandeira palestina e non a española, obviando o xenocidio

Alberto Pazos Couñago, no centro, este 31 de outubro ante as bandeiras izadas pola UDC na praza do Reitorado. (Foto: Nós Diario)
A deputada do BNG no Parlamento da Galiza Olalla Rodil ve nas accións do PP galego unha "campaña de difamacións" que "demostra" que nas filas populares "están moi nerviosos" polo "ascenso do BNG".

O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago, cualificou esta sexta feira de "grave ataque ao respecto institucional" o izado da bandeira palestina e da galega na praza do Reitorado da Universidade da Coruña (UDC) e non a española. "É unha acción premeditada que busca a confrontación", asegurou, en declaracións aos medios, ao recalcar que "hai unha bandeira de España que podería acompañar a galega" e denunciar que non se deben "utilizar reivindicacións, por xustas que sexan, para montar un pequeno lío".

Pola súa parte, nun comunicado, a UDC explica que se traba dun acto "simbólico, de apoio ao pobo palestino e de rexeitamento ao que está sufrindo". Aclara, ademais, que nos mastros da praza do Reitorado "normalmente non ondean bandeiras", senón que están para "pólas cando a ocasión o require". "Non se retirou ningunha bandeira, nin se substituíu ningunha bandeira", insiste a Universidade.

Ao lado da bandeira de Palestina, engade o texto, "púxose a da UDC e, toda vez que había outro mastro, e que estamos na Galiza, púxose a da Galiza". Indica, así, que "non houbo máis consideración que esa". "Tratouse dun acto simbólico e solidario, sen máis intencionalidade", conclúe a institución.

"Insidias e mentiras"

Pondo como exemplo esta campaña do PP "contra a UDC e o seu reitor", a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, pediu ao partido que dirixe Alfonso Rueda que free "a campaña de difamacións" con "insidias, mentiras e ataques" contra organismos, institucións e persoas que son críticas coa súa acción de goberno ou que "non controla politicamente".

"Estamos vendo o PP máis desataco ca nunca, lanzando ataques contra todo e contra todos, sen respectar xa nada nin a ninguén", criticou Rodil. Para a deputada nacionalista, isto "demostra" que no PP están "moi nerviosos" polo "ascenso do BNG".

Contra a CIG-Ensino

O PP tamén dirixiu esta semana as súas críticas contra a CIG-Ensino, por un material didáctico –que non era da autoría da central sindical– polo que a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, acusou o BNG de "querer adoutrinar nos colexios" a través do sindicato.