O PP consuma o veto na Valedoría e obriga a reiniciar o proceso de nomeamento do Adxunto

Comisión de peticións, esta sexta feira, 13 de marzo. (Foto: Nós Diario)

Olalla Rodil lamenta que os populares rachen o consenso e voten contra o pluralismo: "Están botados ao monte e xa non respectan nin a súa palabra”

O PP consumou esta sexta feira no Parlamento galego o anuncio de veto que nestas semanas anunciara sobre Fernando de Abel, o xurista proposto polo BNG para ocupar o cargo de adxunto á Valedoría do Pobo. O voto en contra da proposta de Fernando de Abel na comisión de peticións do Parlamento, para alén de rachar un consenso existente na escolla deste cargo desde hai tres décadas, obriga a reiniciar o proceso para unha nova proposta. A proposta de Fernando de Abel contou cos votos favorábeis de BNG e Democracia Ourensá, o voto en contra do PP e a abstención do PSdeG.

A comisión principiou coa declaración por Miguel Santalices, presidente do Parlamento galego, do comunicado da Mesa da Cámara na que sinalaba que este profesor de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde hai case 30 anos cumpría con todos os requisitos para ocupar o posto.

O proceder do PP supón, de facto, rachar cun consenso histórico existente desde a creación da Valedoría do Pobo, en 1984, e polo que o principal grupo da Cámara escolle á persoa que dirixe a institución mais o principal grupo da oposición designa o Adxunto ou Adxunta.  "Non teñen palabra", reprochoulles esta sexta feira Olalla Rodil (BNG) aos populares, "van aplicar un veto político sen precedentes". A nacionalista preguntouse "que lle molesta ao PP [de Fernando de Abel]? Que defenda o medio ambiente e o territorio?".

Rodil, que destacou a "traxectoria académica impecábel" de Fernando de Abel Vilela, profesor de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde hai case 30 anos; afirmou que con este veto o PP demostra que "non soporta que [o candidato proposto] defenda este país fronte aos abusos das administracións pública, que é a función da Valeduría do Pobo", afirmou. Rodil concluíu que con esta decisión o PP "non veta un candidato do BNG, veta o pluralismo que existe na sociedade galega porque non a toleran".

Pola súa parte, Paula Prado (PP), defendeu o veto cualificando o xustista de "activista", a palabra que levan empregando durante estas dúas semanas para intentar xustificar que non podería exercer con "imparcialidade" o posto de Adxunto. Prado recoñeceu que De Abel ten un "currículo respectábel", mais dixo que "rexeitar este candidato non polo currículo que presentaron, senón polo que non presentaron". E ese currículo "non presentado" está, para Prado, inzado de "activismo" a respecto dos parques eólicos. 

Aitor Bouza (PSdeG) anunciou a abstención do seu grupo na votación e acusando o PP e o BNG de levar a Valedoría a un "bloque institucional". Armando Oxea (Democracia Ourensá) anunciou o seu voto favorábel a Vilela "por responsabilidade".,

O veto do PP obriga a reiniciar desde o principio o proceso, coa designación dunha persoa para ocupar este posto.