O PP carga contra os asistentes á manifestación de Altri por ir “contra do futuro da Galiza”
O Partido Popular cargou este domingo contra as mais de 50.000 persoas e 600 embarcacións que asistiron á manifestación contra Altri desenvolvida o sábado na Pobra do Caramiñal, na comarca do Barbanza.
Os populares denunciaron que a mobilización “vai en contra do futuro da Galiza”, segundo a súa opinión, por oporse “á posibilidade de ofrecer oportunidades de emprego á mocidade galega e fixar poboación no rural”.
As declaracións dos responsábeis do PP contradín o sinalado por diversos informes elaborados por especialistas, que cifran os empregos creados pola pasteira por baixo de 290.
Os mesmos documentos sinalan que a celulosa proxectada pola multinacional portuguesa podería pór en perigo ao redor de 19.000 empregos só na agricultura e na pesca. Na mesma dirección, desvelan os riscos da iniciativa para o sector turístico.
A secretaria xeral do PP, Paula Prado, volveu manifestar o apoio da súa formación á celulosa. Neste sentido, destacou que o proxecto conta “cunha declaración de impacto ambiental favorábel avalada coa rigorosidade, a transparencia e a seriedade dos 34 informes”.
Prado expresou o apoio a todas aquelas empresas que “queiran asentarse na Galiza para xerar riqueza no territorio, fixar poboación no rural e ofrecer oportunidades de futuro para a nosa terra e para que a nosa mocidade non teña que ir traballar a outros lugares”.
Críticas a BNG e PSdeG
“Os galegos e galegas poden estar tranquilos”, asegurou Prado, quen cargou contra o BNG e o PSdeG que “sempre estiveron a favor de Altri e só cambiaron de opinión unha vez celebradas as eleccións autonómicas”.
A dirixente popular explicou a posición destas formacións como “unha vinganza por perder as eleccións” e lamentou que ”estean negándolle un futuro a Galiza e impedindo que se asenten proxectos industriais que permitirían crear emprego e fixar poboación”.