O PP avala no Parlamento que a universidade privada imparta materias que xa existen na pública

Pleno do Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

O BNG propuña impedir que o centro de Abanca imparta o grao en Dereito.

As facultades de Dereito das tres universidades públicas opóñense á impartición do título na universidade de Abanca.

O PP impediu onte que o pleno do Parlamento aprobase unha proposición non de lei do BNG para solicitar á Xunta da Galiza que non autorizase de modo definitivo a implantación do Grao de Dereito na Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), impulsada por Abanca.

A iniciativa que o nacionalismo defendeu na Cámara recollía a petición dos reitorados das tres universidades públicas "e da propia Lei 6/2013, do Sistema universitario da  Galiza, que di que a creación de novas titulacións nas universidades condicionarase a que o seu catálogo de titulacións sexa complementario e non reiterativo ás preexistentes".

“Como me explican que, habendo catro titulacións de Dereito na Galiza, con 480 prazas nas universidades públicas, dean o visto e prace a esta titulación?”, preguntou á bancada popular Daniel Castro (BNG). Afirmou que "como non poden quitar un deses catro graos de oferta pública", o que fan é "pór  un grao á privada" para competir con ela. 

“Se a aposta a fixese unha universidade pública dirían que non, mais como falamos de Abanca, alfombra vermella”, aseverou, lembrando que sería a segunda vez que ocorre, porque xa lle “regalaran” o grao de Psicoloxía, que existía na Universidade de Santiago.

Para Julio Abalde (PSdeG), o "servizo público" da educación superior "impárteo a universidade pública", pois as privadas, "das que non estamos en contra", son "un negocio", dixo.

Pola súa parte, a portavoz do PP neste debate, Cecilia Vázquez, alegou que a proposición do BNG non é "outra cousa que pedir que se incumpra a Constitución", e acusou os nacionalistas de "limitar a liberdade das persoas á iniciativa empresarial, algo que a vostedes non lles gusta nada".