O PP acusa ao BNG de tentar "obstruír o proxecto" de Altri na Unión Europea
Os eurodeputados populares Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez destacan que as autoridades comunitarias non observan contradicións entre a pasteira promovida por Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e a lexislación da Unión Europea.
Os eurodeputados populares Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez destacan que as autoridades comunitarias non observan contradicións entre a pasteira promovida por Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e a lexislación da Unión Europea.
Os eurodeputados do Partido Popular (PP) Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez acusaron ao BNG de tentar "obstruír o proxecto" de Altri na Unión Europea. Neste sentido, sinalaron que o órgano comunitario indicou que "aínda está a ser obxecto dunha avaliación".
Francisco Millán Mon considerou que este novo pronunciamento da Comisión Europea “pon en evidencia a insistencia irazoábel do BNG e da esquerda” en relación coa celulosa promovida por Altri.
"Seis veces preguntaron á Comisión e seis veces respondéronlles que non hai incumprimento. A Comisión non pode ser máis clara”, afirmou Millán Mon, en referencia as respostas das autoridades comunitarias sobre o estado de tramitación do proxecto.
Millán Mon asegurou que “desde o Partido Popular sempre defendemos que o proxecto de Altri pode ser un bo medio de creación de emprego e innovación industrial, pero é esencial que se cumpran os requisitos legais e ambientais”.
“A tramitación do proxecto está a ser absolutamente garantista", indicou Millán Mon, quen indicou que “hai que deixar traballar aos técnicos e aos expertos, que están a levar a cabo a súa tarefa de análise e avaliación do proxecto con todo rigor".
‘Obsesión do BNG’
Adrián Vázquez insistiu en que "en Europa teñen claro que a obsesión do BNG con Altri non ten nada que ver coa ecoloxía, senón que se trata dunha maneira pouco sofisticada de tentar desgastar a un Goberno que funciona”.
Vázquez destacou que a Unión Europea considera que "as cousas se fan ben e que sexa a Xunta, quen mellor vela polos intereses da Galiza a que decida sobre un proxecto tan importante como este".
“A Administración autonómica conta con magníficos profesionais”, avanzou Vázquez, quen demandou que “deixemos que faga o seu traballo e deixemos de presentar peticións á Comisión que só danan a imaxe da Galiza en Europa".