O PP abandona o consello de política fiscal e financeira en protesta pola condonación da débeda
Nin unha hora estiveron as comunidades do PP na reunión do consello de política fiscal e financeira (CPFF) desta cuarta feira. Os e as conselleiras de Economía e Facenda populares abandonaron a reunión en protesta pola condonación da débeda, que consideran unha medida feita a medida para Catalunya.
Todas elas rexeitaron participar do debate e votación dunha proposta que xa "se acordara noutro foro" e saíron en bloque da reunión, que se alongou dúas horas coa presenza da vicepresidenta primeira do Executivo estatal, María Jesús Montero, o Goberno catalán e os do resto de autonomías gobernadas polo PSOE —Asturias, Navarra e Castela-A Mancha—.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, apunta a "sensación de decepción" coa que chega a Xunta ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) porque "o resultado xa está predeterminado e acordado noutros despachos hai tempo".
"Nós non nos imos a prestar a que se nos utilice para este tipo de acordos e imos defender que non se siga agraviando á nosa comunidade autónoma", asegurou o membro do Executivo galego, afirmando que a reunión “vai ser simplemente unha sesión de branqueo dun acordo bilateral".
Horas antes da xuntanza, Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, afirmou na sesión de control no Parlamento galego que a condonación “é un negocio ruinoso” para a Galiza. O presidente galego recibiu fortes críticas do BNG e do PSdeG, que o acusaron de “servilismo” ao PP e de “renunciar a defender” os intereses da Galiza.