Pontón urxe Rueda a publicar os acordos "secretos" con Altri e Povisa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixiu esta cuarta feira ao presidente galego, Alfonso Rueda, que faga públicos os acordos "secretos" que, denunciou, a Xunta da Galiza mantén coa pasteira Altri e co hospital privado Povisa. Unha petición feita durante a sesión de control ao presidente e que ficou sen resposta. "Vén vostede aquí cos seus grandes clásicos, ese rollo xa o sabemos", dixo Rueda.
Ana Pontón principiou a súa interpelación na sesión de control no Parlamento cunha condena firme da violencia machista "veña de onde veña" e exixindo que os casos de violencia de xénero "non fiquen impunes". A cuestión que a líder da oposición formulou ao presidente centrouse en Altri, após a multitudinaria mobilización social do pasado domingo en Compostela, e en Povisa —polos audios que vinculaban a súa propietaria, Ribera Salud, coa xestión interesada das listas de agarda nun hospital madrileño—.
Pontón demandou de Alfonso Rueda e da Xunta que "fagan públicos eses acordos secretos que ten con Altri e con Ribera Salud". Referíase a líder da oposición ao memorando asinado en 2021 con Altri para o proxecto de celulosa na Ulloa e en abril deste ano con Ribera Salud para renovar por dous anos o concerto do Sergas co seu hospital vigués Povisa, con 19% máis de custo para as arcas públicas.
A Xunta segue sen facer públicos eses documentos e a ausencia de resposta esta cuarta por parte de Rueda a esa demanda parece indicar que van continuar sen saír á luz. A portavoz do BNG cuestionou o presidente da Xunta por ese "ocultamento" do memorando asinado con Altri. “Que é o que ten que ocultar?”, cuestionou, para recriminarlle que “o que non pode ocultar é que goberna para as empresas amigas do PP”.
Un exemplo, o de Altri, que para Pontón que non é o único "de como o PP traballa para as súas empresas amigas", citando a seguir o grupo Ribera Salud, co que o Sergas ten “un acordo secreto por valor de 98 millóns de euros”. Pontón reprochou ao titular do Executivo galego que non envíe ao Parlamento "e oculte á cidadanía" o contido deste contrato.
“Pregúntolle se pode garantir que esas prácticas de Ribera Salud [no hospital de Torrejón] non se están producindo en Povisa”, interpelou a un Rueda ao que retou a realizar unha auditoría externa para garantir que “cos cartos dos galegos e das galegas esa empresa non está facendo negocio a costa da saúde”.
Para o presidente da Xunta, Altri e Povisa fan parte dos "grandes clásicos" das queixas do BNG. "Ese rollo xa o sabemos", dixo o presidente, que chegou a acusar as nacionalistas de "negacionismo" e de recorrer "ás manifestacións" cando hai "algo que non lles gusta". Rueda emprazou Ana Pontón a sumarse á "Galiza do si" e a "falar en positivo e intentar atraer investimentos", pois, alegou, "esta é unha terra acolledora". "Un pouco de 'Galiza Calidade' non lle viría mal", concluíu, sen chegar a responder as cuestións trasladadas por Pontón.
Investimentos en Ourense
O PSdeG non preguntou na sesión de control, ao lle corresponder a quenda a Democracia Ourensá. O seu deputado, Armando Oxea, pediu ao presidente da Xunta que considere "prioritarios" os investimentos e os orzamentos para Ourense, "discriminada estruturalmente polos sucesivos gobernos da Xunta". "Non caia na tentación de dar carnés de bos e malos ourensáns", pediulle Rueda.